A AGFA do Eume e o Concello de San Sadurdiño continúan traballando para mostrar as posibilidades de desenvolvemento que ofrece a actividade frutícola. Un curso sobre esta materia que tratará múltiples aspectos, desde o deseño dunha plantación ás técnicas de poda máis habituais. A actividade será gratuíta para veciñanza de San Sadurniño ou socia da AGFA, ten aberto o prazo de inscrición até o 22 de novembro
Da parte formativa encargarase nas sesións dos venres o experto Marcos Besada, quen abordará a planificación das plantacións, as técnicas preventivas e os tratamentos para enfermidades e unha introdución á normativa da fruticultura ecolóxica. Canda Besada tamén compartirá coñecemento o fruticultor Ignacio Bellas, presidente da AGFA do Eume, falando de morfoloxía, ciclos das árbores e técnicas de poda de inverno.
O temario tamén tratará a analítica e fertilización do chan, outros tipos de poda, de formación e de fructificación, en verde, etc, o control de pragas por medios convencionais e ecolóxicos, a aplicación de produtos fitosanitarios e os tipos de enxertado. A teoría ofrecerase na Casa da Xuventude os venres 24 de novembro e 1 de decembro de 16:00 a 20:00h e os sábados 25 de novembro e 2 de decembro de 10:00 a 14.00h e para as prácticas acudirase á horta de conservación Carlos Fornos, sempre que o tempo acompañe.
O curso encádrase no convenio de colaboración subscrito entre o Concello e a asociación. Por este motivo a inscrición será gratuíta tanto para a veciñanza de San Sadurniño como para as persoas socias da AGFA do Eume, mentres que para o resto de participantes o prezo será de 40€ (que se pagarán o primeiro día). Hai que anotarse no 635 013 323 o día 22 de novembro como moi tarde.