Marián Ferreiro presentou oficialmente no Concello a “Tarta de Narón”

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentaron oficialmente no Concello a “Tarta de Narón”, xunto cos propietarios da pastelería Santy, da Solaina, creadores da receita. Ao acto, no que se ofreceu unha degustación desta sobremesa, acudiron tamén os voceiros dos grupos municipais da corporación naronesa.

A edil de Turismo repasou o longo proceso que foi preciso realizar dende a administración local para materializar unha iniciativa impulsada dende setembro do ano 2021 por parte do Concello naronés.

A cesión de balde por parte de Otero da receita da “Tarta de Narón foi o pasado mes de marzo un momento esencial en todo este procedemento, no que houbo que aprobar un regulamento e un manual de identidade e uso da marca “Tarta de Narón” que rexerá todo o procedemento de elaboración, comercialización e packaging”, explicou Hermida.

A concelleira naronesa apuntou que o pasado 30 de outubro a alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou a resolución da concesión de autorización do uso da marca rexistrada “Tarta de Narón”, paso previo ao inicio da súa comercialización.

Dende a pastelería Santy, en Santa Icía, ideouse a receita desta tarta, a base de noces, margarinas vexetais e sen gluten sen necesidade de frío para a súa conservación, tal e como se requería dende o Concello. O profesional recordou tamén o proceso de elaboración e avanzou que as persoas que o desexen poderán realizar reservas ata o día 21 deste mes para ser os primeiros en degustar, dende o día 23, a “Tarta de Narón”.

Esas reservas, explicou, colleranse nos dous establecementos de pastelería Santy na cidade, no cruce da avenida da Solaina coa rúa Francisco Pizarro ou no número 24 da rúa Reis Católicos, tamén na Solaina. Así mesmo poderánse reservar porteléfono chamando no horario de apertura aos teléfonos 981 385 666 e 981 386300, dos respectivos establecementos.

Pola súa banda, a alcaldesa agradeceu a implicación de Santy Otero e a súa familia “para que a nosa cidade dispoña dun produto único, unha tarta viaxeira que será un novo reclamo turístico e gastronómico da nosa cidade”. A rexedora local recordou que “quixemos buscar unha data especial para iniciar a venda ao público desta tarta e consideramos que era o 23 de novembro, coincidindo co Día de Narón, unha xornada na que se programou unha degustación da tarta na praza 23 de novembro”.

Ferreiro avanzou que se repartirán porcións da “Tarta de Narón”, animando ós veciños que o desexen a achegarse ese día á praza 23 de novembro na hora da degustación, que se anunciará xunto coa programación do 23N.

“Inicialmente a pastelería Santy será a encargada de elaborar e comercializar esta sobremesa, pero dende o Concello mantemos aberto de xeito permanente o procedemento para que tanto outros obradores como comercializadores que cumpran os requisitos establecidos poidan tamén elaborala e véndela”, apuntou Ferreiro.

Finalmente, a rexedora local reiterou o agradecemento a Santy Otero e á súa familia “por crer neste proxecto, pola confianza depositada e, en definitiva, por un traballo do que nos sentimos moi orgullosos e cun resultado que é o que buscábamos para dispoñer deste doce que de seguro nos acompañará nos momentos máis especiais nas nosas casas, coas nosas familias e amizades, e que será unha excepcional embaixadora gastronómica de Narón a partir do 23 de novembro”.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …