O grupo socialista do Concello de Ferrol reclama a execución do proxecto de reparación da envolvente do centro cívico de Caranza, actualmente pechado por goteiras en diversos espazos deste equipamento municipal, e lembra que se trata dun documento que se encargou en marzo de 2022 para poder dar unha solución definitiva a uns problemas constructivos significativos
A este respecto, os socialistas subliñaron que este proxecto, cuxo importe ascende a 452.000 euros, foi posto en coñecemento do Partido Popular no traspado de poderes e, «por tanto, tiveron cinco meses para poder tramitalo e estar xa en fase de execución, ou mesmo para telo incluido nos orzamentos que aprobaron e están actualmente en vigor».
O grupo socialista, ademais, quixo facer fincapé en que no pasado mandato, xa en 2019, se produciron situacións similares ás actuais, como tamén sucedera en 2009, e entón, ante a falla dun proxecto, se executara unha obra para, polo menos, permitir a reapertura destas instalacións municipais.
«Foi despois desta actuación cando o entón grupo de goberno decidiu encargar un proxecto para unha intervención integral, que puxera fin a estes problemas que afectan á instalación cando se producen temporais como os que nos están azotando nestas semanas», apuntaron dende o grupo do PSdeG-PSOE, que apremian ao alcalde, José Manuel Rey Varela, a «comezar a traballar na resolución dos problemas desta cidade, que ademais neste caso xa contan cun proxecto concreto para poder facelo sen perder máis tempo».