A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de construción do novo edificio que acollerá as instalacións de Coruña Estudo Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España que a institución provincial porá en marcha na Cidade das TIC da Coruña.
As obras contan cun orzamento de 2.539.108 euros e as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o 22 de novembro.
O proxecto permitirá construír o inmoble que acollerá o CEI, impulsado pola Deputación da Coruña cun investimento total de 8 millóns de euros cofinanciado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España Next Genereation-EU e fondos propios da Deputación da Coruña.
O sistema tecnolóxico e audiovisual de vangarda do que disporá o CEI para o seu funcionamenti xa foi adxudicado pola Deputación da Coruña a Telefónica por 6,1 millóns de euros o pasado mes de agosto, polo que as obras do edificio son xa o derradeiro paso para a posta en marcha do centro.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, lembra que este proxecto suporá a construción do maior estudo audiovisual virtual de España e adianta que a previsión é que a infraestrutura estea en funcionamento no ano 2024.
“Este proxecto será un revulsivo para o sector audiovisual galego e suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan “España, Hub audiovisual de Europa”, dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025”, salientou.
Dous bloques conectados para crear unha infraestrutura única
O edificio vaise construír nunha parcela de 2.539 metros cadrados da Cidade das Tic da Coruña dentro da que se levantarán dous edificios conectados; un primeiro bloque situado na parte leste da parcela onde estará o estudo audiovisual virtual e un segundo bloque na parte oeste, de 36,7×32 metros, que dará servizo ao plató.
O sistema escollido para a súa execución é a través dun sistema prefabricado de estrutura en formigón, o que permitirá que os prazos para rematar a obra sexan máis reducidos, de 8 meses.
Quedará elevado sobre o terreo natural, medrando a súa altura cara á fachada sur, o que permite ventilar o forxado da planta baixa, reducir a humidade, a condensación e, ademais, xerar unha barreira contra o radón. Isto tamén posibilita crear unha planta de soto na parte sur sen necesidade de escavar.
Como eixo desta infraestrutura crearse un patio central que servirá como nexo de unión entre os dous bloques e en torno ao que se disporán dous espazos en forma de L vinculados ao plató virtual, no que se disporán os diferentes usos: o acceso e as circulacións, camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e perruquería, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación, unha sala de instalacións, e un almacén.
Para a urbanización de toda a contorna proponse crear na parte norte un acceso con zonas de parterres e un espazo de descanso baixo arborado na zona sur, aproveitando o desnivel para crear unha grada e un lugar de descanso xunto á zona pública do edificio e vinculado co patio.
Un edificio sustentable
Na proposta tamén se tiveron en conta criterios de sustentabilidade. As fachadas a sur están protexidas da radiación solar no verán, pero no inverno permiten que esta radiación incida sobre as carpinterías e axude a atemperar o interior.
A orientación das diferentes estancias tamén responde a unha estratexia de aproveitamento da ventilación natural. Ademais, inclúese o uso de cubertas vexetais con Sedum, plantas autóctonas que non necesitan de mantemento e que permiten a recuperación de auga, implementando así un sistema de almacenamento e reciclaxe da auga da chuvia.
Outro punto importante é o emprego de paneis fotovoltaicos que permitan satisfacer ata un 80% da demanda de electricidade dos edificios.
Un plató de última xeración
O estudo audiovisual virtual terá unhas características únicas en España, con capacidade para recrear calquera escenario real ou de ficción. O estudo virtual de última xeración adqurido pola Deputación coa tecnoloxía de Telefónica estará formado por un muro de pantallas LED de alta resolución dispostas nun arco de 20 metros de lonxitude e cun altura de oito metros e un teito de aproximadamente 30 metros cadrados.
O estudo virtual permitirá crear contidos inmersivos para produccións de ficción, realidade virtual e aumentada, que son de aplicación no campo cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos.