Un total de 1.396 escolares asistirán esta semana ás representacións programadas no Pazo da Cultura con motivo da 39ª Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil (MOTIX) de Narón, organizada polo Padroado da Cultura en colaboración coa Deputación da Coruña.
As representacións iniciadas o pasado 23 de outubro continuarán mañá día 7, e tamén o mércores e o xoves, coa compañía Mar Mar Teatro, que subirá ao escenario do Pazo para representar a obra “Un pez en el corazón”. Na xornada de mañá acudirán ás 10:00 horas un total de 243 escolares dos colexios Ayala e Virxe do Mar, de Narón e tamén de Mercedarias, de Ferrol e San Isidro, de Neda; a Xunqueira, de Fene, e Ledicia, de Ferrol e á segunda función, ás 12:00 horas, outros 230 alumnos e alumnas da Solaina, en Narón, do San José De Pontedeume; o Juan de Lángara de Ferrol e do CPI de San Sadurniño.
O programa regresará de novo o mércores ao Pazo da Cultura, a onde acudirán 480 escolares –de 3 a 5 anos- dos centros Santiago Apóstol, O Feal, Ponte de Xuvia, CPR Jorge Juan e CRA do Val, de Narón; Maciñeira, de Neda; Santiago Apóstol e Unión Mugardesa, de Mugardos, e As Mirandas, de Ares. Para pechar esta semana, o xoves asistirán 445 escolares dos colexios de Piñeiros, CRA de Domirón e Sedes e da Gándara, de Narón; Ponzos, de Ferrol, Semente de Trasancos, Centieiras, O Ramo e Os Casais, de Fene e o CRA de Valdoviño.
As representacións programadas continuarán durante todo o mes, estando previstas o 14 e 15 a do espectáculo “Hugo”, de OS Náufragos Teatro; o 20, 21 e 22 a de “Ándale!!! Buen apetito!!!”, de Ghazafelhos.