A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, asinou un bando no que se informa da aplicación dunha serie de medidas ante o aviso de alerta emitido pola Dirección Xeral de Emerxencia e Interior pola concatenación de varios episodios meteorolóxicos adversos coa borrasca Domingos, a cuarta desta tempada.
Ferreiro mantivo unha xuntanza a primeira hora da mañá deste venres 3 co concelleiro delegado de Seguridade Cidadá, José Oreona, responsables da Policía Local, o SPEIS e a área de Servizos, acordando na mesma aplicar unha serie de medidas que estarán en vigor dende as 23.00 horas do citado venres ata as 23.59 horas do sábado.
Entre as medidas figuran a continuidade no peche das instalacións deportivas municipais ao aire libre, a suspensión de todas as actividades ao aire libre, en recintos pechados, instalacións deportivas, locais sociais, Pazo da Cultura, Auditorio municipal, Biblioteca… e o peche das zonas públicas, parques, zona do paseo marítimo. Así mesmo, nas instalacións temporais, o titular da preceptiva autorización municipal deberá adoptar as medidas de seguridade necesarias para evitar accidentes.
Dende o Consistorio, a través do bando, establécense ademais unha serie de recomendacións, como evitar as actividades no exterior e os desprazamentos, non empregar vehículos lixeiros, afastarse de árbores, paneis publicitarios…