O Concello de Narón colabora con Mulleres Ártabras na xornada “O emprendemento é para todas”

De esquerda a dereita: Sabela Docampo, vogal da asociación Mulleres Ártabras, Marga Carballo, presidenta da entidade; Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón; Noelia Paz e Cristina Rodríguez, vicepresidenta e socia de Mulleres Ártabras

A asociación de mulleres emprendedoras Mulleres Ártabras celebrará o vindeiro 19 de novembro na cidade a xornada “O emprendemento é para todas”. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presentou este mércores o evento acompañada por Marga Carballo, Noelia Paz, Cristina López e Sabela Docampo presidenta, vicepresidenta, asociada e vogal, respectivamente da entidade. Ferreiro avanzou que a convocatoria se levará a cabo no Auditorio municipal, en horario de mañá e tarde, e avanzou que se trata dunha proposta “dirixida á cidadanía en xeral, non só a persoas emprendedoras, e cun apartado moi importante que son uns obradoiros para nenas e nenos co fin de facilitar a conciliación ás persoas que participen”.

O prazo de inscrición está xa aberto, podendo facelo, de balde, a través do enlace: https://tinyurl.com/24cdmkuj.

A apertura de portas será ás 9.00 horas e ás 9.45 dará comezo o acto oficial de presentación do evento, que contará coa asistencia da alcaldesa da cidade. A continuación, dende as 10.00 horas, sucederanse obradoiros de robótica con Lego para menores (3 a 14 anos), a cargo de Marga Carballo; de xestión do tempo -10.30 horas-, con Andreina Aular; de master chef para nenas e nenos -11.00 horas- (3 a 14 anos), con Eva Oído Cocina; de mantemento corporal -11.40-, con Tamara López, de márketing dixital -13.00-, con Nini Pérez e Cris López e de robótica con Lego para menores -13.00- (3 a 14 anos), con Marga Carballo. A media xornada, sobre as 12.10 horas, as persoas que acudan participarán nunha sesión de café networking.

Pola tarde retomarase a actividade ás 16.00 horas, cunha sesión sobre coidado da mente e do corpo a cargo de Samsara Integral, ao tempo que se levará a cabo un obradoiro de lettering para menores (3 a 14 anos), con Bárbara Rico. A partir das 17.00 as nenas e nenos (5 a 14 anos) poderán asistir a un obradoiro artístico/cianotipia, con Laura BouzaLaudas Calamity e ás 17.10 horas iniciarase unha sesión de desenvolvemento de habilidades emprendedoras, con Marga Carballo. Tralo café networking, procederase ao peche do evento, ás 19.00 horas.

A presidenta de Mulleres Ártabras explicou que un dos obxectivos desta convocatoria “é que as persoas emprendedoras e a cidadanía en xeral aprendan unha serie de técnicas e habilidades que lles aporten no seu día a día”, incidindo en que “a práctica totalidade das propostas impartiráas persoal de Mulleres Ártabras”. Marga Carballo destacou tamén que se trata de sesións “nuns casos máis teóricas e noutros máis prácticas pero nas que estará moi presente a interacción cos asistentes”. “Traballarase co corpo e coa mente, recollendo todos os ámbitos do emprendemento para buscar un equilibrio persoal que poidan trasladar á súa vida e tamén a ese emprendemento, aprendendo a xestionar o tempo, a frustración… algo que todas e todos precisamos e que debemos aprender a xestionar”, recalcou.

Pola súa banda, Marián Ferreiro felicitou á asociación de mulleres emprendedoras polo seu labor durante este ano. “Sodes un exemplo para as persoas emprendedoras en xeral e para as mulleres que emprenden en particular, un referente que temos a sorte de contar con el nesta cidade e que dende o pasado mes de xaneiro, coa constitución oficial como entidade, estades realizando un traballo exemplar”. A alcaldesa agradeceu “a implicación de todas as persoas que estades tras esta iniciativa na que é todo un orgullo, como alcaldesa e como muller poder colaborar”.

Lea también

72 persoas participan en Narón nos obradoiros do proxecto municipal aCLIMAtarnos

A Casa da Mocidade acolleu o primeiro dos obradoiros do proxecto “aCLIMAtarnos”, sobre concienciación ambiental …