As familias con menos recursos poden solicitar axudas en Moeche para a factura da luz

O Concello de Moeche aprobou en Xunta de Goberno Local as bases polas que se rexerá a concesión das axudas municipais para colaborar coas familias  no pagamento da factura da luz.

Trátase dun pagamento único de 150€ dirixido a aquelas unidades de convivencia con menor renda e que cumpran os requisitos. O importe total que se distribuirá ascende a 8.000 euros cofinanciados con cargo ás achegas do POS Social da Deputación da Coruña.

O prazo de solicitude, 15 días naturais, iniciarase tan pronto como saia publicada a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, algo que seguramente ocorra nos primeiros días de novembro, posto que as bases tamén deberán publicarse na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS). En calquera caso, aquelas persoas que desexen obter máis información para ir preparando a documentación poden contactar cos Servizos Sociais municipais no 981 404 006 a partir do 2 de novembro

Segundo o texto das bases reguladoras, a convocatoria ten por finalidade apoiar ás familias máis vulnerables ou en risco de exclusión social axudándolles a facer fronte ao pagamento da subministración enerxética ante a «suba imparable» do prezo da luz.

Para poder acollerse ás achegas municipais hai varios requisitos xerais que se deben cumprir, como son o de que as persoas solicitantes sexan maiores de 18 anos ou menores que se emancipasen, que teñan empadroamento en Moeche desde polo menos os 6 meses anteriores á data de publicación da convocatoria e, importante, que sexan beneficiarias ou beneficiarios do bono social eléctrico cunha antigüidade mínima de 3 meses.

Con todo, se non se está dentro do Bono Social de Electricidade tamén se poderá optar á axuda municipal se se cumpre algunha das seguintes condicións: unha renda da unidade de convivencia igual ou inferior a dúas veces o IPREM de 14 pagas; que a persoa consumidora ou todos os membros da unidade que perciban ingresos sexan pensionistas do Sistema da Seguridade Social (xubilación ou incapacidade permanente) cobrando a cantidade mínima vixente e sen percibir outras cantidades cuxo importe agregado anual supere os 500 euros; ou, por último, que a persoa consumidora ou algún membro da unidade de convivencia sexa beneficiario do Ingreso Mínimo Vital ou dunha Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA).

As persoas interesadas terán 15 días naturais para presentar a solicitude e outros documentos necesarios establecidos nas bases: copia do DNI, autorización de consulta do empadroamento, acreditación do bono social eléctrico, facturas da luz, certificacións da situación económica, declaracións da renda, etc.

Ese prazo comenzará a contar ao día seguinte da publicación no BOP do extracto da convocatoria publicado á súa vez no BDNS, aínda que as bases xa estarán dispoñibles no boletín oficial nos últimos días de outubro ou primeiros de novembro e na ligazón Bases reguladoras aprobadas pola XGL e formulario de solicitude

Debido a que pode haber persoas que teñan dificultades para formalizar a solicitude e achegar a documentación necesaria, o Concello esforzouse por simplificar ao máximo a tramitación e, ademais, ofrece a posibilidade de contactar con Servizos Sociais a partir do 2 de novembro para orientar ás familias e verificar que todo está correcto antes de rexistrar a petición, que poderá facerse presencialmente nas oficinas municipais ou ben a través da Sede Electrónica. Para concertar cita previa ou consultar dúbidas debe chamarse ao 981 404 006.

As axudas municipais para o pagamento da factura da luz consistirán nun pago único de 150€ para aquelas unidades de convivencia que cumpran cos requisitos marcados nas bases. Segundo a rexedora municipal, Beatriz Bascoy, a convocatoria pretende «colaborar coas familias con menos recursos reducíndolles no posible o esforzo que deben facer para pagar a factura da luz, que adoita incrementarse considerablemente nos meses de outono e inverno, sen contar outras oscilacións dos prezos que se están producindo por factores externos. Por esa razón publicamos agora as axudas, para que cheguen no momento en que os custes da electricidade teñen unha maior incidencia nas economías familiares».

A alcaldesa destaca o «compromiso do Concello de Moeche e da Deputación da Coruña coas persoas que máis sofren a suba xeralizada de prezos nos produtos e servizos máis básicos». Bascoy recorda a este respecto que o orzamento total da liña de axudas para subministracións enerxéticas de 2023 ascende a 8.000 euros cofinanciados polo POS Social provincial. Os fondos distribuiranse até esgotar o crédito dispoñible, de maneira que das achegas poderían beneficiarse máis de 50 familias de Moeche que se atopen nunha situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.

Importante: Para poder presentar a solicitude haberá que agardar a que abra oficialmente o prazo de 15 días, que comezará a contar ao día seguinte de que saia publicado no BOP o extracto de publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS)

Lea también

Detenidos dos empleados de una empresa de San Sadurniño por robar 30 piezas de bronce de 700 kilos

Dos empleados de una empresa de San Sadurniño (A Coruña) han sido detenidos por la …