San Sadurniño ultima a organización do Magosto e Samaín

O Concello de San Sadurniño celebra Magostos e o Samaín na noitiña do 4 de novembro cunha procesión das ánimas que percorrerá entre música e sorpresas o traxecto desde a Capela de Belén ata o adro da igrexa do Rosario.  

O Castelo de Narahío e Adiante de Igrexafeita celebran os seus respectivos magostos, en Naraío este sábado 28 de outubro e o de Igrexafeita o sábado 16 de novembro, con formatos moi similares.

O magosto de O Castelo comezará ás 18:30h coa exposición de cabazas que traia a rapazada, á que se lle entregará un pequeno agasallo por participar na mostra e por viren cun disfrace relacionado coa tradición desta época do ano: de Santa Compaña, de pantasmas, do lobishom, de meigas… hai unha chea de opcións, aínda que desde a entidade piden que as familias animen e axuden ás nenas e nenos a preparar o seu traxe en vez de compralo, que o fagan con materiais de reciclaxe ou roupa vella e, importante, que traballen con elas e eles algunha das múltiples unidades didácticas que hai sobre o Samaín para inspirarse nos mitos e costumes galegos, non nos do halloween.

A exposición de caveiras de cabaza irá seguida ás 19:30h do espectáculo de monicreques «O Espantamedos», dirixido e interpretado por Ignacio Vilariño. Trátase  dunha proposta de Fantoches Baj que repasa os «medos» da tradición do noso país, poñéndolles nome a todos e ensinándonos cancións, ditos e as cousas que podemos facer para empoñelos. Pero que ninguén se asuste o espectáculo está pensado para todas as idades a partir dos 4 anos.

Ao remate de «O Espantamedos», a asociación empezará a servir castañas asadas acompañadas de papas de cabaza ata que se acaben, momento no que comezará a foliada popular para a que convidan a levar gaitas, pandeiretas, pandeiros, culleres, tambor, lata do pementón, a botella de anís… ou simplemente gana de botarlle uns bailes ou de ter música de fondo mentres se bota unha parolada. A rolda rematará cando remate e a iso da medianoite tamén haberá unha queimada.

En Igrexafeita, o sábado 11 de novembro

No caso de Igrexafeita, a AVV Adiante optou por deixar pasar a fin de outubro e o arranque de novembro, con actividades por todos lados, e poñer o seu magosto no seu día grande, o 11 de novembro, San Martiño.

A parte de entretemento será cousa do Mago Marco, que levará ao local social da Torre a partir das 20:30h números abraiantes con cartas, panos, lume, auga, confetis, cordas e outros clásicos da prestidixitación, ademais de tinguir o seu pase con moito humor.

A cea posterior, que comezará sobre as 21:30h, estará composta por castañas asadas, empanada, xamón escaldado e sobremesa. Para as persoas socias da entidade será de balde, mentres que o prezo pouco menos que simbólico para as non socias serán 5€. Iso si, fai falla anotarse antes do 8 de novembro chamando ao 696 912 975 ou 650 484 580. No cartel anunciador, Adiante informa de que ese día terán á venda lotaría do Nadal.

Preparativos para o Samaín municipal do día 4

E mentres os colectivos van preparándose para as súas festas do outono, o Concello de San Sadurniño prosegue coa organización do Samaín e Magosto que se celebrará o sábado 4 de novembro a partir das 20:30h cunha comitiva de ánimas e outros personaxes que irán aparecendo no camiño comprendido entre a Capela de Belén e o adro da igrexa do Rosario.

As áreas de Cultura e Participación veciñal téñeno todo máis ou menos armado baixo a coordinación do actor e director teatral Pepablo Patiño e a axuda da AC Brío, do Castelo de Narahío e doutras entidades e persoas voluntarias do territorio. O grupo aproxímase ao medio cento de participantes, que representarán múltiples papeis en distintos momentos do percorrido.

Con todo, desde o consistorio quérese que a Santa Compaña sexa aínda máis grande, que haxa máis meigas e trasnos e, se cadra, meter algún personaxe tradicional a maiores (vedoiras, lugrumantes, tronantes, etc.).

Por este motivo, todas as persoas interesadas en participar como figurantes poden acudir á reunión que vai ter lugar hoxe luns, 23 de outubro, ás 20:00h na Aula CeMIT (1º andar da Casa da Cultura) para rematar de compoñelo todo e programar os ensaios do percorrido.

No encontro explicarase de que vai a historia que se lle ofrecerá ao público o próximo día 4, non é necesario aprender ningún papel, e como se pode colaborar, ademais de pasalo de medo durante esa noite que culminará con castañas, cocolatada e unha foliada no claustro do Rosario.

Lea también

Xosé Miguel Mahía renunció al acta de concejal de Mugardos por motivo de estudios en el extranjero

La noticia, aunque no era oficial, se hizo real en la mañana de este miércoles, …