As actividades programadas dende o Concello para conmemorar a terceira edición da Semana da Seguridade comezaron este lúns no IES AS Telleiras. Preto de medio cento de alumnas e alumnos do centro implicáronse nesta convocatoria, que inclúe tres accións concretas e que se desenvolverá tamén esta semana no IES Terra de Trasancos –mañá e o mércores- e nos colexios Santiago Apóstol e Ayala –o xoves e o venres, respectivamente-.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oerona, desprazouse ao instituto das Telleiras para asistir ao inicio destas propostas, encamiñadas a ofrecer coñecementos e ferramentas relacionadas coa seguridade en diferentes áreas.
As actividades, deseñadas dende o equipo de Educación Viaria de Narón en coordinación co SPEIS de Narón e o club Basketmi, diríxense a alumnado de primeiro e segundo curso da ESO e inclúen ademais un obradoiro aberto á cidadanía en xeral que terá lugar este venres, de 11.30 a 13.30 horas na Praza da Igualdade, na Gándara (en caso de choiva realizarase no interior do colexio Santiago Apóstol, tamén na Gándara). A convocatoria precisa inscrición previa, podendo realizala facilitando o nome completo e un teléfono de contacto, na oficina do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, no acceso ao Concello, chamando por teléfono aos números: 666 438 222 ou 600 448 730 ou escribindo un correo electrónico á dirección: seguridadevial@naron.gal.
Os escolares participaron dende as 9.00 ata as 13.45 horas, por quendas, nun obradoiro de autoprotección e comportamentos seguros, outro de primeiros auxilios e un terceiro para coñecer o mundo sobre unha cadeira de rodas forman parte dos contidos destes espazos da Semana da Seguridade.
“Hoxe participaron as primeiras alumnas e alumnos e estamos moi satisfeitos co resultado. As condicións meteorolóxicas obrigáronnos a un cambio de ubicación no propio centro pero puidemos desenvolver os obradoiros con normalidade”, asegurou Oreona. O edil animou á cidadanía a anotarse no aberto á cidadanía en xeral “para poder achegar eses coñecementos sobre seguridade á maior parte de poboación posible”.