Ramiro Fonte e o himno do Couceiro no derradeiro libro de Abella

José Fonte Sardiña

O pasado 17 de agosto recibín con fonda tristura, no meu Pontedeume natal, onde gozaba duns días de descanso, a inesperada noticia do pasamento do poeta Xoán Xosé Fernández Abella, que fora o meu mestre e titor, na daquela chamada EXB, no colexio Couceiro Freijomil. Nun poema escrito o 18 de febreiro de 1978, titulado ‘Pontedeume’ e dedicado ao que fora o seu compañeiro e director do centro escolar, don Ignacio Dosil Felípez, dicía: “Un milagre de beleza / é a vila de Pontedeume, / con pegadas dos Andrade / tan só nas pedras, pois quere, / señora do seu destino, / ir ao seu futuro ceibe […]. // O Monte Breamo pon / lección de altura, solemne; / lección de continuidade / pona, manseniño, o Eume. // Uns arredores de soño / que fan unha gloria o verte… / Ai, canto cantar cantase, / belo pobo se soubese! / Ai, milagre de beleza, / meu amado Pontedeume!” (Xoán Xosé Fernández Abella: ‘Pontedeume’, en “Poemas de amor, loanza, condena e outros”, Santiago de Compostela, 2011, p. 56) (Breamo e o río Eume desde o castelo de Andrade).

O Eume e Breamo desde o castelo de Andrade

No curso 1974-1975, botaba a andar o colexio ―daquela chamado nacional― Arzobispo Rajoy, pouco despois bautizado como Couceiro Freijomil, ao que eu tiven, con só dez anos, a sorte de me incorporar como estudante de quinto ―deixando así a vella escola do Pescador―, e que acollía nun mesmo centro aos parvuliños e aos alumnos dos oito cursos do que entón era denominado EXB, que estabamos espallados por todas as parroquias de Pontedeume en diversos edificios (Escola do Pescador).

Pescador

Dous cursos despois de ser inaugurado o novo colexio, chegaron a Pontedeume como mestres Abella, que impartía as materias de Lingua Española ―o galego brillaba pola súa ausencia― e Ciencias Socias, e a súa dona, Mercedes Álvarez Lage, que guiaba, cunha infinita paciencia, as miñas torpes mans no que daquela se denominaba Plástica e Pretecnoloxía. Os seus fillos Manuel e Mercedes, ben pequeniños, viñeran tamén con eles (Mestres, entre eles, sentados, Abella e Mercedes Álvarez, e alumnos do Couceiro).

Mestres e alumnos Couceiro

O novo mestre, o poeta Xoán Xosé Fernández Abella, dicíanos no idioma vernáculo, que daquela estaba case por completo proscrito do recentemente estreado complexo educativo, cousas tan inauditas para nós nas aulas, pero que quedaron para sempre gravadas no meu corazón, como que “a min a lingua galega / naide ma pode tirar. / Aínda que mudo ficase, / falaríaa co pensar” (Xoán Xosé Fernández Abella: ‘Cantigas’, en “Poemas galegos. Inquietudes, hallazgos y otros poemas”, Viveiro, 1976, p. 11) (Debuxo de Abella feito en 2002 polo seu amigo Vicente Eyré).

Debuxo Abella

Cando cheguei aos Tilos, no ano 1993, levei unha grande alegría ao ver que tiña por veciño ao meu benquerido mestre, aínda que a boa nova se vise lixada ao saber do pasamento o 8 de outubro de 1991 de Mercedes, que como artista lle fixera as ilustracións do seu segundo libro “Escolma de poemas. Espigueo lírico”, publicado por Ediciós do Castro en 1990. Emocionoume ler o sentido e desconsolado poema que lle dedicara o 13 de xaneiro de 1992: “Señor, por que a levaches / e tan sos nos deixaches / nesta vida, sen ela, triste e dura? // Seu exemplo perdura / en nós, con fermosura / e sinxeleza inmensa, / que ha de ser nosa defensa, / nosa compaña nesta noite escura”; así e todo, confío en que a súa arela de atoparse con ela na eternidade, na que cría, onde non houbese “guerras, fame e crueldade”, sexa xa unha realidade: “Eu contra isto estou, Señor, namentres vou / soñando coa verdade doutra vida, / e que a xustiza ha de triunfar con ela, / e volverei a estar coa miña estrela” (Xoán Xosé Fernández Abella: ‘Á miña muller, Mercedes Álvarez Lage [† 8/10/1991]’, en “Poemas de amor, loanza, condena e outros”, Santiago de Compostela, 2011, p. 32 e 33) (Abella).

Abella

Que día tan feliz pasou en Pontedeume o 9 de setembro de 2017!, cando, co gallo do sesenta aniversario do nacemento de Ramiro Fonte, foi convidado polo Concello a participar no recital poético que se fixera na honra do máis grande escritor eumés, e a asistir ao pleno que decidiu por unanimidade poñerlle o nome de Poeta Ramiro Fonte á Biblioteca Municipal e á presentación da reedición do primeiro libro do noso bardo, “As cidades da nada”. Moito lle gustara tamén a exposición “Unha mirada a Pontedeume desde os ollos de Ramiro Fonte”, que vimos xuntos! (Abella no Recital Poético Ramiro Fonte).

Abella no recital

O 10 de maio de 2019, co gallo da celebración da Semana das Letras Galegas, volveu Abella a Pontedeume para presentar o seu libro “Loanzas sentidas e outros poemas” na Casa da Cultura da vila, nun acto no que tiven a honra de participar con el e o noso alcalde Bernardo Fernández Piñeiro (Presentación das “Loanzas...” en Pontedeume).

Presentación Pontedeume

A derradeira vez que falei con Abella foi por teléfono, a véspera do Día das Letras Galegas deste ano. Estaba en Badaxoz, na casa do seu fillo, e pediume uns datos sobre o himno do colexio Couceiro Freijomil que non tiña alí e que necesitaba para un novo libro que publicaría no verán (Partitura do Himno do Couceiro facilitada pola miña mestra María Lamas, autora da música).

Partitura Himno do Couceiro

O 21 de setembro deste ano, xa nos Tilos, pouco máis dun mes despois do pasamento de Abella, recibín cun arrepío unha inquietante mensaxe do seu correo electrónico. Así e todo, cando a abrín, comprobei que era unha moi boa nova, unha invitación para asistir o día 28 dese mes á presentación dos “Últimos poemas de eloxios e outros poemas”, o seu libro póstumo, nun lugar moi querido para min, a que fora a miña Facultade de Filoloxía na praza de Mazarelos, hoxe Facultade de Filosofía (Debuxo de Abella realizado por María Guerrero Rico para a portada do libro).

Debuxo Abella derradeiro libro

O día de san Miguel, tan importante no calendario eumés, foi o elixido nos Tilos, onde era tan querido, para lle render unha máis que merecida homenaxe lendo varios dos seus poemas, algúns cantados polo gran Manoele de Felisa, e presentar tamén alí o seu derradeiro libro (Manoele de Felisa nos Tilos).

Manoele de Felisa

O acto, dirixido pola escritora Rosalía Morlán, foi organizado pola Asociación Teenses pola Igualdade, da que Abella era membro de honra, e contou coa colaboración do Concello de Teo e a asistencia da alcaldesa Lucía Calvo de la Uz e membros de todos os partidos políticos con representación municipal. Estiveron tamén na homenaxe os netos e os seus fillos Mercedes e Manuel, que fixo un emotivo discurso de agradecemento (Homenaxe a Abella nos Tilos).

Homenaxe Abellas nos Tilos

Cando abrín o libro, a miña alegría non puido ser maior ao ver na páxina 26 a ‘Décima para Ramiro Fonte Crespo’, estrofa na que Abella era un verdadeiro mestre, igual que do soneto, que lle escribira para o xa dito Recital Poético Eumés do 2017, na que dicía: “Ti es excelente poeta, / coma tamén novelista…, / ensaísta…, articulista…, / de calidade completa, / sempre o auténtico por meta. // Fuches un grande escritor / e tamén gran profesor. // Foron tantas túas achegas… / que, pronto, as Letras Galegas / co Día réndanche honor” (Xoán Xosé Fernández Abella: ‘Décima para Ramiro Fonte Crespo’, en “Últimos poemas de eloxios e outros poemas”, Silleda (Pontevedra), 2023, p. 26). Eu humildemente creo que os tempos dese Día son chegados (Caricatura de Ramiro Fonte realizada en 1975 por Siro, propiedade de Chus Fonte, irmá do poeta).

Ramiro Fonte.Siro

Como me dixera na derradeira conversa telefónica que tivemos a véspera do Día das Letras Galegas, alí, na páxina 105 do libro, estaban os datos que el me pedira e o ‘Himno do Colexio Couceiro Freijomil’, no que nos transmitía a fermosa lección de que tiñamos que ser compañeiros sempre e camiñar por vieiros de nobreza e bondade; tamén nos animaba a escoitar as verbas santas do amor e da xustiza, e a levar nos nosos corazóns a arela de que o amor fose o latexar da nosa vida.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …