Preto de medio milleiro de escolares de Narón participarán na “III Semana da Seguridade”

Preto de medio milleiro de alumnos, en total 482, de catro centros de ensino de educación Secundaria participarán a vindeira semana nos actos da “III Semana da Seguridade”, organizada polo Concello de Narón a través do equipo de Educación Viaria de Narón.

Así o avanzou o concelleiro de Seguridade Cidadá e SPEIS, José Oreona, que explicou que a programación consistirá nunha serie de actividades entre as que se inclúe algunha proposta dirixida ao público en xeral. No que respecta ao alumnado, escolares de primeiro e segundo curso da ESO dos institutos das Telleiras e Terra de Trasancos e dos colexios Santiago Apóstol e Ayala participarán entre o luns 23 e o venres 27 de outubro, en horario de mañá e por quendas, nas actividades previstas.

Durante algo máis de dúas horas as alumnas e alumnos participarán en tres accións: un obradoiro de autoprotección e comportamentos seguros, outro de primeiros auxilios e un terceiro para coñecer o mundo sobre unha cadeira de rodas.

As iniciativas levaranse a cabo en tres estacións diferenciadas, que se ubicarán do luns ao mércores (incluídos) no recinto do IES As Telleiras e os dous últimos días, 26 e 27, na praza da Igualdade, na Gándara, para o alumnado deste centro e do Ayala.

As sesións darán comezo ás 9.00 horas na primeira quenda e ás 11.30 na segunda. Os grupos dos escolares terán entre 50 e 75 alumnos e permanecerán durante uns 45 minutos en cada unha das estacións. Unha vez alí coñecerán os principios básicos da autoprotección e os comportamentos seguros para actuar en casos de emerxencia (incendios, evacuacións…); outro sobre a conduta PAS (protexer, alertar e socorrer), a técnica de reanimación cardiopulmonar ou a manobra de Heimlich e un terceiro para analizar as diferentes causas polas que unha persoa pode ter que facer uso dunha cadeira de rodas e a práctica nelas para xogar ao baloncesto, a modo de sensibilización sobre o día a día do colectivo.

A maiores, tal e como indicou Oreona, programouse un “Obradoiro de primeiros auxilios e autoprotección e comportamentos seguros” que terá lugar o vindeiro venres, día 27, e cun límite de 50 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. A convocatoria realizarase na praza da Igualdade, na Gándara, entre as 11.30 e as 13.30 horas. As accións propostas son as mesmas que as que se impartirán para o alumnado nas xornadas anteriores.

As persoas interesadas en participar poden anotarse, facilitando o nome completo e un teléfono de contacto, na oficina do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, no acceso ao Concello, chamando por teléfono aos números: 666 438 222 ou 600 448 730 ou escribindo un correo electrónico á dirección: seguridadevial@naron.gal.

“Con actividades como as programadas a vindeira semana, queremos seguir formando á cidadanía e ofrecendo unha serie de coñecementos e ferramentas a través das que poder aplicar uns comportamentos seguros en casos de emerxencia”, recalcou Oreona.

O edil naronés informou que, “no caso do alumnado realizaremos tamén especial fincapé nas causas que poden provocar un accidente en estrada e da perigosidade de dos efectos do consumo de alcol e outras substancias”. Oreona animou ós veciños da cidade a inscribirse nos obradoiros abertos á veciñanza “cuns contidos adaptados á cidadanía en xeral e moi importantes no caso de ter que enfrontarnos ante algunhas emerxencias e poder axudar ata a chegada de atención sanitaria de profesionais”.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …