Amplo programa en As Pontes no día das bibliotecas

Desde o ano 1997, o 24 de outubro, a petición da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, co apoio do Ministerio de Cultura, celébrase en toda España o Día das Bibliotecas, para recordar a destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico e co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor dos bibliotecarios/ as.

As Pontes celebrará durante toda esta semana o Día das Biliotecas, cunha proposta cultural deseñada pola Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco na que se mestura a literatura coa música, a maxia e o lecer. Con esta celebración, a Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco, quere trasladar á veciñanza a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos ponteses e pontesas de todas as idades e, ao mesmo tempo, e resaltar o seu papel como un instrumento de mellora da formación e da convivencia cidadá.

A través das distintas actividades “búscase romper coa imaxe preconcebida que existe entorno ás bibliotecas. Queremos amosala como o que realmente é; un espazo socializador e integrador, no que os libros e a cultura están ao alcance de toda a veciñanza, achegándoa dunha forma divertida, próxima e afastada dos estereotipos, non só a Biblioteca senón tamén á literatura” sinala Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura.

As actividades arrancarán este mércores, 18 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal , coa presentación do libro “Entre algodones, botines y corazones” de Maxi Castilla, xogador do CD As Pontes. Maximiliano Castilla, orixinario de Montevideo, debutou en Miramar Misións en 2013 club que defendeu ata 2016. Xogou en Villa Española, Platense, A Luz, Sant Jordi, Santa Josep e Penya Deportiva. O últimos tres equipos en terras ibicencas. Volveu a Uruguai para xogar en Villa Española. Publicou en 2022 o seu primeiro poemario e tras a súa volta a España, publicou unha nova edición do seu libro que produce diariamente.

O xoves, 19 de outubro, as actividades continuarán, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal, cunha sesión do club de lectura no que se comentará, xunto coa autora, a novela “Non penses nun elefante rosa” de Antía Yáñez. Unha escritora con moito talento que recibiu varios premios na súa terra natal e considéraselle como unha das novas voces literarias galegas. A súa primeira novela para adultos, Senlleiras, mereceulle o recoñecemento unánime de crítica e público. Combina a escritura para adultos coa literatura infantil. O seu último libro para mozos lectores, Plan de rescate, mereceulle o premio III Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade (2019).

O venres será a quenda para o público máis novo, coa representación, a partir das 18:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi, do espectáculo “A Galiña azul”, da compañía Tanxarina. Trátase dun espectáculo de títeres e autores destinado a un público infantil e familiar, onde falarán da diversidade e de solidariedade.

Xa o sábado, Día das Bibliotecas, a programación para conmemorar esta efeméride comezará ás 17:30 horas, na Biblioteca Municipal co espectáculo de maxia do Mago Teto, “A maxia dos contos”. O Mago Teto sacará do seu sombreiro un show no que se mistura a narrativa de contos e xogos de maxia. A actividade consta dunha antoloxía de sete contos que abordan de maneira central a figura do ilusionista. A continuación, a partir das 18:30 horas, será a quenda para o recital do Grupo Poético Alalá, que celebra o seu 20 aniversario, e no que amosarán ao público asistente as súas creacións. Finalmente, o grupo local Nimbos ofrecerá, a partir das 19:00 horas, un pequeno concerto acústico dos seus temas co que covidará a todas as persoas asistentes a gozar da música en directo.

 

Lea también

El Aula UNED de Ferrol acoge una conferencia sobre el impacto del Nilo en el Antiguo Egipto

El Aula UNED de Ferrol (situada en la calle María, 52-54) se convertirá este viernes, …