O BNG de Ferrol considera unha «tomadura de pelo» a reunión entre o presidente da Xunta e o alcalde

Iván Rivas, portavoz do BNG de Ferrol, valorou como «unha tomadura de pelo a reunión celebrada entre o presidente da Xunta de Galicia e o alcalde da cidade»

Para o portavoz nacionalista «semella unha broma de mal gusto que agora desde o PP lle pidan corresponsabilidade ós veciños de Ferrol cando moitos dos actuais problemas da cidade foron provocados polas súas propias decisións e inacción»

Rivas, considerou ademais «triste a actitude do alcalde da cidade, que no canto de exixir á Xunta de Galicia que cumpra coas súas obrigas, se mostrou sumiso diante das vaguedades e ambigüidades do presidente do organismo autónómico mentres os problemas reais continúan aí»

«Porque o certo é que mentres a Xunta de Galicia pecha aulas no ensino público como no San Xoan de Filgueira e mantén as infraestruturas dos centros en condicións precarias como no Concepción Arenal ou sen elas como acontece co pavillón do IES de Ferrol Vello, condiciona agora a súa posible dotación á participación do concello de Ferrol, cando as competencias e responsabilidades neste asunto son total e absolutas da Xunta de Galicia e da consellería de educación»

«Porque mentres carecemos de ingresos para desenvolver investimentos produto de que a Autoridade Portuaria ou o Mº de Defensa non pagan tributos, se nos pide corresponsabilidade para acometer unhas obras en terreos portuarios de propiedade estatal e que non sabemos en que consisten mentres o verdadeiro muro que nos separa do mar e divide Ferrol en dous continúa en pé e co PP ferrolán e galego mirando cara outro lado»

«Porque seguimos a pagar máis de 100 euros ao mes polo saneamento desde que Rey Varela en 2014 se fixo cargo da EDAR, pagando a depuración de Narón e eximindo de responsabilidade á Xunta. Unha taxa a través da que debería terse financiado o saneamento no rural e rematado en 2020 pero para o que agora se alongan os prazos e se nos pide corresponsabilidade para custear aquelo que xa pagamos a través da taxa de depuración»

«Porque agora o PP proponnos que sexamos corresponsables na financiación da rehabilitación das edificacións da cidade mentres Ferrol Vello continúa sen Plan Especial, o alcalde, coa cidade caendo, avala un pelotazo urbanístico no Sánchez Aguilera a favor do Mº de Defensa, sepulta o patrimonio arqueolóxico en Ferrol Vello e anula proxectos chave para a rehabilitación do barrio e con dotación económica como a rehabilitación da casa de Carvalho Calero e a súa declaración como zona ZER»

«Porque despois de anunciar as obras do plan director do CHUF nos orzamentos da Xunta dos últimos anos e que aínda hoxe están pendentes de execución se nos condicione a súa viabilidade a eximir á Xunta dos escasos tributos municipais cos que conta a cidade»

«E porque diante dun problema con graves consecuencias sociais, económicas e medioambientais como é o precariedade do transporte público os responsables do PP son capaces de despachalo sen rubor afirmando que é un “problema complicado” cando hoxe é a Xunta de Galiza quen ten a responsabilidade en exclusiva das concesións de transporte na cidade e na comarca. E mentres tanto falan de estacións intermodais nunha cidade na que carecemso de servizos ferroviarios e o transporte por estrada é cada vez máis precario e na que por tanto falar de intermodalidade ademais de unha utopía e un engano»

Lea también

El PSOE de Ferrol afirma que el acuerdo del saneamiento con Narón es el “cumplimiento de una sentencia judicial” impulsada en su mandato

El anuncio del acuerdo del reparto de los gastos de saneamiento por parte de los …