A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e Ramón Sestayo, vicepresidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) asinaron esta mañá un convenio de colaboración en materia de acción social.
A rexedora local explicou que o Concello de Narón se compromete a realizar unha achega económica de 6.000 euros, contía con cargo á que a entidade ofrecerá información e asesoramento individualizado ás persoas de Narón con discapacidade que requiran os seus servizos, especialmente ás que se atopen en situacións de risco.
O vicepresidente de Cogami informou que das 2.077 persoas inscritas actualmente na base de datos da entidade en Ferrol, un total de 527 son de Narón. En canto ás actuacións, dende o colectivo recalcaron que das entrevistas realizadas por vez primeira, ata setembro, 27 foron a persoas de Narón e das 165 persoas que atoparon emprego nos últimos nove meses un total de 45 tamén se corresponden con veciñas e veciños desta cidade.
Ferreiro destacou “o labor que desenvolve esta asociación na cidade e na comarca en particular coas persoas con discapacidade, ofrecéndolles unha serie de ferramentas e recursos a través dos que continuar avanzando de cara á tan necesaria plena inclusión do colectivo co que traballan na sociedade”.
A alcaldesa comprometeu o apoio do Consistorio con Cogami e recalcou a importancia do traballo do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral, que no que vai de ano prestou máis de 700 servizos, tal e como indicaron dende a entidade.