O programa Guizo convoca en Narón un obradoiro de saquiños de olores

A concelleira de Política Lingüística do Concello de Narón, María Lorenzo, anunciou a apertura do prazo de inscrición na primeira das tres novas propostas do programa municipal “Guizo”, encamiñado a mellorar a socialización en galego de menores.

No último trimestre do ano, tal e como avanzou, desenvolveranse tres propostas, unha por mes, para as que se poden anotar, nos prazos que se indicarán, as persoas interesadas a través do correo electrónico: a.pita@naron.gal. Nese mail deben solicitar a adhesión á actividade e facilitar o nome, apelidos e idade do neno, nome e apelidos do pai/nai ou titor, un correo electrónico e un teléfono de contacto.

As actividades levaranse a cabo no centro cívico social do Couto e diríxense a menores de entre 6 e 12 anos e as súas familias, podendo participar un total de 15 menores (que irán acompañados dunha persoa adulta).

A primeira das propostas será este sábado, e consistirá nun obradoiro de “Saquiños de olores”; A iniciativa desenvolverase de 11.00 a 12.30 horas. Na actividade as familias escollerán os seus olores favoritos de plantas como a menta, rosa, canela, lavanda… para realizar un percorrido sensorial por todos eles e a través do que tamén coñecerán as propiedades de cada unha destas plantas.

O día 18 de novembro, de 11.00 a 12.00 horas, celebrarase a proposta “Sementando futuro”, a través da que empregarán materiais de refugallo achegados polos asistentes e sementes autóctonas para aprender os pasos correctos para crear e manter un viveiro propio con especies autóctonas.

Finalmente, o 16 de decembro, de 11.00 a 12.30 horas, terá lugar “O gran xogo da reciclaxe”, no que as familias aprenderán a reciclar e reducir residuos, diminuíndo o gasto enerxético nos fogares e coñecendo a importancia da biodiversidade.

Fomentar a creatividade dos nenos, facer que valoren a importancia de coidar a natureza e a adquisición de coñecementos para trasladar á súa vida cotiá vivindo experiencias divertidas e emocionantes en galego forman parte dos obxectivos que persegue o programa “Guizo”

Para consultar máis información sobre as actividades programadas dende o Servizo de Normalización Lingüística de Narón pódese consultar a web: www.naronengalego.gal (no apartado de actividades).

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …