Ferreiro asina en Narón catro convenios en materia de educación e ensino por 13.700€

Convenio ANPA Ponte de Xuvia

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou un convenio de colaboración co presidente da ANPA do CEIP Ponte de Xuvia, José Antonio Fuentes, no que se contempla a continuidade do programa de educación para a saúde nutricional escolar, ofrecendo o servizo de almorzo entre as 7.30 e as 9.00 horas con menús axeitados ás idades dos menores.

Así mesmo, Ferreiro asinou co presidente da Asociación Áurega, de familiares de nenos con altas capacidades, talentos e inquedanzas intelectuais, Marcos Antonio Castro, un convenio de colaboración para continuar desenvolvendo o programa Escola de Familias.

En base ao mesmo convocaranse charlas, conferencias e coloquios con diferentes relatores co fin de proporcionar ás familias pautas e ferramentas de actuación para poder acompañalas no proceso educativo.

Convenio Asociación Aurega

Na sinatura deste acordo, ao igual que no da ANPA do CEIP Ponte de Xuvia, estivo presente a concelleira de Cooperación no Ensino, Olga Ameneiro.

Esta mesma semana Ferreiro asinou tamén un convenio con María Belén Franco, directora do CEIP Piñeiros, en base ao que se impulsará a promoción de actividades educativas.

Dende o centro levaranse a cabo, como complemento do curso escolar, actividades de interese comunitario dirixidas ós nenos nos parques e áreas medioambientais de Narón e tamén nas citadas instalacións educativas.

Ferreiro rubricou tamén co director da ANPA Galatea, do colexio plurilingüe Virxe do Mar, Rubén López, un convenio en materia de acción social e educación para a saúde nutricional-escolar.

A través deste acordo a ANPA manterá a actividade de comedor escolar de almorzos durante un ano, cumprindo unha serie de obxectivos, como mellorar a nutrición infantil en idades de 3 a 12 anos nos períodos matutinos, crear hábitos de hixiene buco-dental e de inxesrtión de menús de almorzos equilibrados, conciliación da vida familiar e laboral…O servizo ofrécese en horario de 7.30 a 9.00 horas.

A alcaldesa da cidade destacou o traballo que realizan cada unha das entidades, incidindo no feito de que “resultan fundamentais de cara a ofrecer á cidadanía unha serie de servizos e ferramentas moi necesarias no día a día, como neste caso os comedores escolares, que favorecen a conciliación, as actividades educativas e os recursos que a asociación Áurega pon a disposición das familias de menores con altas capacidades”

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …