O Concello de Narón instalará este mes puntos informativos sobre o acoso escolar en varias ubicacións da zona urbana e rural.
Así o avanzou a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, que avanzou que se trata dunha proposta dirixida ás familias, que complementa aos obradoiros de convivencia escolar impulsados polo Consistorio nos centros de ensino. “A través destes puntos informativos reforzaremos o traballo que se realiza nas aulas cos escolares, o persoal docente e as familias co fin de previr e detectar posibles casos de acoso e ofrecer á cidadanía en xeral as ferramentas necesarias para afrontar este tipo de situacións”, apuntou.
A vindeira semana o punto informativo localizarase o luns 16 no acceso principal do Concello -10.00 a 13.00 horas-; o 17 nas instalacións do complexo polideportivo municipal da Gándara -17.00 a 20.00-; o 18 na zona do Estadio de Río Seco -16.00 a 19.00- e o 19 no Pazo da Cultura -17.00 a 20.00-.
O servizo estará tamén operativo a semana do 23 deste mes, xornada na que se ubicará nas inmediacións do centro de saúde do Val -10.00 a 13.00- para continuar o 24 xunto ao centro de saúde do Alto -10.00 a 13.00-, o 25 no Pazo da Cultura -17.00 a 20.00- e o 26 regresará ao complexo polideportivo municipal da Gándara -17.00 a 20.00-. Finalmente, o 31 deste mes o punto informativo instalarase xunto ao novo centro de saúde -10.00 a 13.00-.
No punto informativo repartiránse típticos, folletos, pulseiras cun código QR que redirixe a unha web con recursos preventivos contra o acoso escolar a nivel estatal, autonómico e local.
“Esta iniciativa súmase aos obradoiros contra o acoso escolar que se imparten dende hai varios anos en centros de ensino de Narón e que se retomarán este mesmo mes de outubro. Diríxense a alumnado de sexto de Primaria e primeiro curso da ESO, familias e profesorados e neles abórdase, entre outros asuntos, a convivencia escolar e a prevención do acoso escolar”, apuntou a concelleira.
As persoas interesadas en obter máis información sobre estas actuacións impulsadas dende o goberno local poden facelo a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello; chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1122, 1108 e 1109) ou escribindo un correo electrónico á dirección: omix@naron.gal.