A campaña sobre benestar animal en Narón permite incrementar nun 135% a identificación felina

 
O edil de Sanidade e Medio Ambiente do Concello de Narón, Manuel Ramos, destacou o éxito da campaña de Benestar animal iniciada durante este mesmo mes de setembro, da que xa avanzou os primeiros resultados.
 
“Nos primeiros vinte días a identificación felina, tal e como se desprende dos datos facilitados polo Rexistro Galego de Identificación de animais de compañía, incrementouse nun 135%, o que é un dato moi positivo e reflicte que as veciñas e veciños de Narón que teñen gatos están cumprindo coa Lei de protección dos dereitos e Benestar animais, que entrará en vigor este mesmo venres e que obriga a identificalos con microchip e esterilizalos cirurxicamente antes dos seis meses de vida”, asegurou.
 
Ramos recordou que o Concello iniciou este mes unha campaña nesta área, que inclúe a remisión de cartas a propietarios e a distribución de carteis explicativos en asociacións, clínicas veterinarias e locais similares. O edil naronés destacou o feito de que “os veciños de Narón estean respostando tan positivamente a esta campaña, que constitúe un piar básico para avanzar en materia de benestar felino e pensada tamén para informar da obrigatoriedade de cumprir unha normativa que, en caso de non facelo, contempla sancións de ata 10.001 euros”.
 
Milleiros de gatos malviven nas rúas do noso país consecuencia de perdas e fugas, ou porque os propietarios deixan deambular libremente aos seus gatos sen estar esterilizados, o que conleva unha reprodución incontrolada destes animais nas rúas das nosas cidades.
 
Os gatos ferais están condenados deste xeito irremediablemente a unha vida na rúa e son susceptibles de ser atropelados, maltratados e de sufrir enfermidades sen tratamento veterinario, o que supón que teñan unha vida máis curta e de peor calidade.
 
Para erradicar esta situación imponse esta nova obriga, co fin de impedir que gatos perdidos ou que anden soltos se reproduzan deixando camadas desamparadas nas rúas. “Sendo conscientes dende a administración local de que para cumprir a norma é necesario non só coñecela senón tamén entendela, é polo que se lanzou esta campaña informativa coa que se espera que o número de gatos identificados e esterilizados continúe aumentando ata ter controlados todos os exemplares da cidade e garantirlles unha mellor calidade de vida”, destacou Ramos.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …