As persoas interesadas en matricularse nas Escolas Culturais Municipais do Concello de Narón poden facelo, no caso de que queden vacantes na modalidade elixida, ata o vindeiro 3 de novembro.
O período para anotarse rematou inicialmente o pasado venres, tal e como se recordou dende o Padroado da Cultura. As matrículas pódense formalizar nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres en horario de 9.00 a 13.30 e de 17.00 a 19.00 e os sábados de 10.00 a 13.00, podendo solicitar máis información ao respecto chamando ao número de teléfono 981 391 144 (extensión 2806) ou a través do correo electrónico: mc.blanco@naron.gal.
Dende o Padroado ofrécense diversas modalidades nas Escolas Tradicionais: Danza tradicional, Canto e pandeireta (a partir de 5 anos); Gaita, Acordeón e Percusión tradicional (a partir de 6 anos); Zanfona (dende os 8 anos); Construción de instrumentos (a partir de 16 anos) e, para os nenos de menor idade, de 3 e 4 anos, está O Recuncho dos Pequechos.
Outra das opcións a elixir son as Escolas Artísticas: Teatro (a partir de 4 anos) e Debuxo (a partir de 6 anos) e dende a Escola de Formación de Actores e Actrices (a partir de 16 anos), segundo e terceiro e o Practicum e tamén se ofrecen clases de Bailes de salón (a partir de 4 anos).
O prazo de devolución de matrículas para os casos de incompatibilidades por horarios será do 9 ata o 31 de outubro deste ano, en horario de 9.00 a 13.30.