O escritor Ignacio Vidal gaña a segunda edición do Premio Simbad para o recordo e o Alzheimer

O xurado da II edición do Premio Simbad outorgoulle por unanimidade o galardón a obra Sucos, do escritor e profesor de Dereito Mercantil de USC, Ignacio Vidal Portabales ao considerar que “conta unha historia divertida que, sen minimizar o drama do Alzhéimer, fuxe dos tópicos e opta pola imaxinación como outro modo de estar e percibir o mundo».

Ademáis consideran que “aposta pola imaxinación infantil como un modo de desmemoria”. Apuntan que as personaxes e os actos descritos na obra Sucos “ teñen unha coherencia narrativa e unha xustificación verosímil na ficción, así como unha moi lograda e sutil ironía con fondo de crítica social”.

Acompañaron a entrega representantes do concellos nos que AGADEA ten presencia, entre eles: o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, o terceiro tenente alcalde de Santiago, Xesús Manuel Domínguez Domínguez, Juan Jesús Cerqueiro Pintos, e Susana García Lema, concelleira dos Servizos Sociais de Vedra .

No emotivo acto de entrega participaron persoas usuarias de AGADEA, que mesmo leron un fragmento da obra galardoada e os músicos Oli e Gus, que tocaron unha peza tradicional galega. O autor premiado confesa que, tras a súa primeira incursión no mundo da LIX, coa novela xuvenil Sangue no dron, desexaba probar sorte co mundo da narrativa infantil, consciente da dificultade que supón escribir para este lectorado, “onde hai que coidar de xeito especial a linguaxe, o ritmo e mais o contido da narración”, apunta.

Desde un punto de vista persoal, gañar o Premio Simbad para o recordo e o Alzhéimer, representa “unha gran ledicia”, pois “implica colaborar, aínda que sexa dun modo ben modesto, co labor de asociacións tan imprescindibles como Agadea”, asegura. Doutra banda, acadar o premio tamén ten para o autor, que xa conta con premios como a XXX do Blanco Amor, un compoñente emocional moi forte, pois coñece, por experiencia familiar, asemocións que senten as persoas que conviven con esta doenza.

O Premio Simbad para o recordo e o Alzheimer, de carácter anual e dotado de 3000€, pretende sensibilizar á cidadanía sobre esta enfermidade e outras doenzas que implican a deterioración cognitiva e a perda de memoria e da identidade, á vez que convida a reflexionar sobre a invisibilización e os estigmas que rodean ao colectivo a través da palabra literaria en lingua galega. AGADEA ALZHEIMER desexa, a través do premio, establecer ponte de entendemento e solidariedade, entre as distintas xeracións, así como alentar a escrita en galego.

O xurado do premio está composto por Isabel Gey Pérez, presidenta de Agadea Alzhéimer; Francisco Castro, Presidente Ad Honorem e autor de Chámademe Simbad, libro pioneiro, que en homenaxe á súa valía, dá nome a este premio; Fina Casalderrey, escritora, pioneira no tratamento maxistral do tema do esquezo e das relación avós-netos nun alto número de obras, Blanca-Ana Roig Rechou, profesora experta en LIX e pioneira neste sistema no campo de estudos académicos en Galicia; Baldo Ramos, poeta e artista plástico, cunha obra sólida que reflexiona sobre a memoria e o recordo, e Ánxela Gracián, en calidade de secretaria, con voz e sen voto.
Ignacio Vidal Portabales (Santiago de Compostela, 1958) é profesor titular de Dereito mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. No eido profesional, ten publicado numerosos artigos científicos de temática xurídica. Tamén é autor de varias monografías sobre o dereito da publicidade, o mundo cooperativo galego e mais sobre a sociedade da información.

No ámbito literario obtivo diversos premios de poesía, como o compostelán Premio Universitario San Martiño Pinario e o Premio Manxa de Ciudad Real. Na narrativa galega gañou o XXX Premio Blanco Amor coa novela Dióxenes en Dolorida (2013), o XXVI Premio Manuel Lueiro de novela curta con Lara e Sabela (2019) e o XXXIV Premio Manuel García Barros (2022) con Illas remotas. Tamén é o autor da obra O inspector e mais eu (2016) e mais a novela xuvenil Sangue no dron (2022).

Sucos narra a relación afectiva e tenra entre a pícara Aldara e mais o seu avó Moncho, quen comeza a padecer os primeiros sinais do Alzhéimer, unha situación que, como é de supoñer, afectará as súas vidas. Moncho, carpinteiro xubilado, arela manexar a padeadora do seu neto Bruno, aínda que non teña carné de padexeiro. Coa axuda de Aldara, Moncho levará cabo catro ideas que van revolucionar o Concello. E a alcaldesa, co apoio dos seus concelleiros, tentará solucionar algúns dos misteriosos sucesos que acaecen na vila por mor do estraño comportamento do avó Moncho.

Lea también

Los mejores magos del mundo llegan a Ferrol de la mano de «Galicia Ilusiona»

El concejal de Fiestas y Marca Ferrol, Arán López, participó en la presentación de la …