O 1 de febreiro de 2022 o BNG, a través da súa portavoz, Olaia Ledo reclamara nunha Xunta Local de Seguridade a convocatoria e posta en marcha en Narón a Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de Xénero. Agora, un ano despois, o BNG considera que «é urxente e non pode ter máis demora»
“A violencia de xénero é unha clara expresión das desiguais relacións entre homes e mulleres co poder; desde as institucións temos ferramentas para traballar pero moitas veces, como é o caso de Narón, non facemos todo o posíble ou non tratamos o tema como prioridade cando estamos a falar de que a igualdade real e efectiva segue sen ser unha realidade” declara Ledo, portavoz municipal do BNG de Narón.
O BNG de Narón deste xeito, segue a súa campaña “8M 365 días” onde cada mes fan unha proposta de traballo, formación ou encontros para a loita contra as desigualdades coordinadas co BNG nacional; en agosto foi “o traballo de coidados non colle vacacións” para pór o foco que as tarefas domésticas e de coidados seguen a ser invisibles, pouco valoradas e recaen maioritariamente nas mulleres.
Olaia Ledo Díaz, portavoz municipal do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Narón, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte MOCIÓN para o seu debate en pleno:
«O 1 de febreiro de 2022 foi a última Xunta Local de Seguridade na que foran convidados os grupos municipais da oposición. Nela acordarase constituír a Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero despois de preguntar directamente a voceira do BNG, Olaia Ledo. Máis de ano e medio despois, e aprobado o III Plan de Igualdade nada máis soubemos»
«Hoxe vivimos un momento de emerxencia na loita contra a violencia machista en Galicia e no estado; nun ano que está a ser fatal en canto a vítimas por esta lacra»
«A violencia de xénero foi e segue a ser un dos problemas principais que temos como sociedade hoxe e, desde as institucións, organismos, temos que facer todo o que estea na nosa man para erradicar un problema que é unha clara expresión das desiguais relacións de poder entre homes e mulleres é, en definitiva, unha grave violación dos dereitos humanos que non coñece fronteiras»
«As mesas de coordinación interinstitucional están a funcionar noutros municipios e serven para poñer enriba da mesa solucións, e tamén formacións transversais para o corpo funcionarial. Neste caso, ademais, contamos co impulso da Subdelegación do Goberno de A Coruña, para a posta en marcha desta Mesa de coordinación como así se realiza noutros concellos e que fai que, en definitiva, poida ser un avance para a mellora da atención a vítimas de violencia de xénero»
«Desta maneira, o concello de Narón poríase á cabeza en coordinar ós máis importantes axentes xurídicos, administrativos e sociais que traballan directamente coa problemática da violencia de xénero en Narón e comarca»
«O obxectivo sería analizar a realidade actual alén dos datos e estatísticas e darlle un impulso aos recursos existentes abordando, nun primeiro encontro a análise da incidencia da violencia de xénero no municipio; a avaliación da efectividade das intervencións nos diferentes eidos e a procura da mellora destas cando fose imposíble; a realización de propostas de actuación conxunta; a elaboración e aprobación de propostas e plans de actuación, e o seguimento dos acordos adoptados»
«O obxectivo final desta mesa sería que os axentes que interveñan nela se involucren, desde as súas áreas, directamente na mellora da situación da muller maltratada sexa cal sexa a tipoloxía en Narón, co fin de acadar unha realidade máis xusta, comprometéndose de forma real cos fins para os que se crea esta mesa»
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG somete a debate e aprobación polo Pleno do Concello de Narón o seguinte ACORDO:
1º Convocar a Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero no último trimestre do 2023.
2º Instar ao goberno do estado á creación dun Xulgado de violencia de xénero en Ferrol.
Adxúntanse as declaracións de Olaia Ledo: