A gavela de Pepa a Loba nas Terras do Eume

José Fonte Sardiña

Xa no primeiro terzo do século XIX había nas Terras do Eume unha intensa actividade bandoleira, que operaba na fraga e na súa contorna (Carmen Otero Roberes e Manuel Domínguez Ferro: ‘Bandoleiros na comarca do Eume’, en “Cátedra”, VII, Pontedeume, 2000, p. 177-182). Así e todo, talvez debido ao forte arraigo social da defensa da propiedade privada existente en Galicia e a que estes bandidos tiñan como vítimas quer aos ricos quer aos humildes labregos ―o último exemplo foi o do chamado Rambo galego, que no inverno de 2021 se agochou nas Fragas do Eume fuxindo da Garda Civil e roubaba nas casas situadas preto do Parque Natural―, ao contrario que en Andalucía onde só lles atacaban aos máis podentes, non existe tanta complicidade entre o bandoleiro e a sociedade campesiña da que provén.

Entre as moitas gavelas que actuaban na Fraga do Eume, ao abeiro da espesura protectora do bosque milenario, estaba, segundo a lenda, a de Pepa a Loba, que foi merecente de aparecer no romance ‘O cruceiro do Monte’ do Poeta da Raza, Ramón Cabanillas, en “Camiños do tempo”, onde si lle recoñece un certo prestixio entre a xente porque a considera unha vítima da súa familia, da sociedade e mesmo do destino. “E dende alí ollaban as vereas / e os camiños travesos / coa carabina ó lombo / do paso dos civiles en axexo / os espías da Loba e do Xan Quinto, / ladróns e cabaleiros” (Xosé Ramón Pena Sánchez e Xosé María Dobarro Paz (ed.): ‘O cruceiro do Monte’, en “Ramón Cabanillas. Poesía galega completa”, Xerais, Vigo, 2009, p. 534) (Foto de Ángel Cendón).

Tamén foi narrada a súa historia na novela “Pepa A Loba” de Carlos González Reigosa (Carlos G. Reigosa: “Pepa A Loba”, Xerais, 2010) e cantada nun romance de cego recollido por Vicente Piñeiro González na súa obra de teatro “Pepa a Loba”. “Desde que era moi pequena / coñece fama e miseria, / e viu como aldraxaban / a súa nai con violencia (Vicente Piñeiro González: “Pepa a Loba”, Chaira, Lugo, p. 11).

Sendo aínda moi nova, traballaba como pastora e houbo de facerlle fronte a un lobo coa axuda de Lueiro, o seu can, para salvar o rabaño, polo que recibe o alcume de Loba. Foi á cadea condenada inxustamente polo asasinato do seu marido e tío, pero logrou escapar e, logo de se vingar do verdadeiro asasino, o seu pai, que nunca a recoñecera, refúxiase nos bosques co amado Daniel, onde sobreviviu como a xefa dunha gavela de bandoleiros.

Esta figura mítica feminina do bandoleirismo galego aparece situada en moitos lugares de Galicia e a etapa na que se converteu en xefa da súa gavela ben puido acontecer nas Fragas do Eume ou en calquera outro bosque galego, xa que a súa sona se espallou por toda a nosa terra. Como afirma González Reigosa, non é posible identificar con exactitude o territorio xeográfico no que actuaba A Loba, pero si se pode afirmar que os sucesos recollidos nas lendas responden a tradicións fondamente enraizadas en lugares desa máis de media Galicia que soubo da súa fama (Carlos G. Reigosa: “Pepa…”, op. cit., p. 14).

Así e todo, na última etapa da Loba, xa cun fillo e morto Daniel, “a nova estratexia da bandoleira consistía en operar lonxe, para non poñer en perigo o seu seguro refuxio na Lousada de Xermade. Os novos límites caían por Viveiro, polo Norte, e por Ferrol, polo Oeste. Ese era o novo territorio das súas andanzas […], sobre todo nas concas dos ríos Eume, Sor, Landro e Grandal” (Idem, p. 212-213), polo que é seguro que chegase a actuar na Fraga do Eume e na súa contorna.

Segundo Carlos G. Reigosa, na Serra do Xistral, onde nace o Eume, foi detida novamente pola Garda Civil, que a levou ao cárcere de Mondoñedo; desde alí foi trasladada á prisión de mulleres da Coruña, onde recibiu a visita de Concepción Arenal, e, cando conseguiu fuxir, non se volveu saber nunca máis dela (Idem, p. 213-222).

Como ben di Reigosa, “se cadra, sempre houbo ―e hai― unha Loba rebelde e irmandiña na nosa terra. Porque é ben certo que, cando unha lenda engarabita polas pernas da historia, ambas as dúas ―historia e lenda― acaban por fundírense para sempre, irremediablemente” (Idem, p. 221).

Anos máis tarde, como ben acredita o relato sobre Pancho de Ramiro Fonte en “Os ollos da ponte”, durante a fratricida guerra e a posguerra civil española, grupos de resistentes e simpatizantes do goberno republicano, perseguidos polas forzas represoras do réxime
franquista, buscaron tamén refuxio nas Fragas do Eume, coa axuda de familiares, amigos e correlixionarios (Ramiro Fonte: “Os ollos da ponte”, Xerais, Vigo, 2004, p. 178-188).

Lea también

Finca dos Mares, un lugar inolvidable

José Carlos Enríquez Díaz Una tarde de primavera de esas que en la zona de …