O prazo de inscrición nas actividades das Escolas Deportivas do Padroado de Deportes do Concello de Narón para o curso 2023-2024 ábrese este martes 12 ata o 30 de setembro.
No caso dos veciños de Narón posuidores do bono familiar as matriculas abrirán mañá, se ben para os veciños doutros concellos será a partir do vindeiro 19 de setembro (e tamén ata o día 30 deste mes). A tramitación das inscricións debe realizarse nas oficinas do complexo polideportivo da Gándara, en horario de 9.00 a 13.00.
As persoas interesadas en participar nas actividades das Escolas Deportivas ubicadas no complexo polideportivo municipal da Gándara e na piscina poden darse de alta en: natación, ximnasia de mantemento, ioga, pilates e musculación. No caso das escolas deportivas exteriores, poderán facelo en: tenis de mesa, remo e xadrez. As actividades comezarán a impartirse o día 2 de outubro, tal e como avanzou o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla.
As inscricións nas actividades conveniadas con outros clubs: atletismo, balonmán, tiro con arco, fútbol, fútbol sala, baloncesto, piragüismo, golf, boxeo, kick boxing, voleibol, ximnasia rítmica, patinaxe artística, etc. deben realizarse nos propios clubs, podendo informarse tamén sobre as mesmas nas oficinas do pavillón polideportivo da Gándara.