O estadio «Río Seco» acollerá o “VIII Torneo Internacional Cidade de Narón”

O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou este sábado 2 de setembro xunto ao presidente e directivo da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa “Narón-O Freixo”, Rafael Pazos e Juan Carlos Vázquez, respectivamente, e o delegado en Ferrolterra da Real Federación Galega de Fútbol, Abraham Yáñez, o “VIII Torneo Internacional Cidade de Narón”.

O evento deportivo celebrarase os días 9 e 10 de setembro nas instalacións do estadio de Río Seco nas categorías alevín e benxamín de fútbol 8, tal e como apuntou Santalla.

Máis de medio milleiro de deportistas procedentes de corenta equipos participarán nesta convocatoria, organizada polo Concello e a S.C.D.R. “Narón-O Freixo” en colaboración coa RFGF.

A maiores dos equipos da entidade deportiva local xogarán no torneo outros procedentes de clubs como o Deportivo da Coruña, Celta de Vigo, Racing de Ferrol, Cultural Leonesa,  Sporting de Lisboa, Sporting de Braga… entre outros.

Os partidos do sábado disputaranse entre as 16.00 e as 23.00 horas, se ben os do domingo terán lugar dende as 10.00 ata aproximadamente as 20.00 horas.

O delegado da RFGF asegurou que “é un orgullo que este torneo poña no mapa o fútbol base a nivel internacional neste concello e tamén poder colaborar na organización do evento dende a Federación Galega”. Yáñez agradeceu no seu propio nome e no do presidente desta institución “o traballo realizado tanto polo Narón-O Freixo como polo Concello de Narón, sempre disposto a realizar actividades deportivas e formativas”.

O presidente do “Narón-O Freixo” destacou a participación de destacados clubs neste evento, entre eles o Sporting de Braga, campión da anterior edición do torneo e que ten o equipo principal da Liga de Campións, ou o Sporting de Lisboa, entre outros.

Finalmente, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, agradeceu tamén o “traballo da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa “Narón-O Freixo”, un dos clubs con máis deportistas na cidade e dos máis consolidados, fundado hai máis de tres décadas, e tamén o respaldo da RFGF a esta e outras iniciativas vencelladas co fútbol na cidade”.

Dende a organización animaron á cidadanía a acudir a este torneo “para desfrutar dunhas xornadas de fútbol na cidade e apoiar ao deporte e aos deportistas que participarán no mesmo”.

Lea también

Seis mozos de Cerdido fan historia no deporte local coa súa participación no Campionato Galego de Remo Ergómetro

Hugo, Jorge, Marcelo, Moisés, Oliver e Jorge xa forman parte da historia deportiva de Cerdido …