FeC e BNG de Ferrol distan da resolución adoptada polo goberno local con respecto a San Francisco

Ferrol en Común afirma a través dun comunicado que «a través dos medios de comunicación tivo coñecemento da proposta disparatada do goberno municipal de tapar os restos da muralla medieval atopados na rúa San Francisco»

«Ademais da falta de talante democrático, pois non se deu conta na comisión informativa correspondente desa decisión, nin dos informes que supostamente a avalan, para Ferrol en Común supón unha aberración soterrar a nosa orixe fundacional, previa a esa cidade que serviu de factoría naval para o Estado, que nos lexitima como pobo dende un punto de vista sociocultural, e que debemos reivindicar como calquera cidade moderna fai: dar a coñecer o noso pasado para camiñar xuntos ao futuro, ter unha idiosincrasia propia e a proba palpable que antes de que dende a centralidade nos desen un fin industrial, Ferrol xa existía como tal, do que debemos facer unha labor pedagóxica en lugar de ocultar o cerne do que nos debería facer sentir orgullo como comunidade»

«Esta medida casa de forma evidente coas políticas caducas de mobilidade que o PP está a implantar na cidade: tráfico rodado en zonas peonís consolidadas e o fomento do vehículo privado fronte a espazos para as persoas ou a
protección da nosa cultura»

«Cabe lembrar que estas políticas propias dos anos 80 non son novas, xa vimos actuacións contra o patrimonio arqueolóxico en cidades como Málaga, Huelva o Vitoria, cunha forte contestación social e con opinións de expertos na materia totalmente contrarias, dende institucións públicas, denostando estas actitudes e poñendo o til na absoluta ignorancia que representa tomar estas decisións»

FeC «esixe unha decisión de cidade ao respecto, que se convoque unha xunta de voceiros e se tome a decisión co consenso da comunidade de expertos en historia da cidade e en arqueoloxía dende a imparcialidade e o rigor científicio»

«Pouco ético nos parece falar dun Museo da Cidade cando se opta por soterrar o que temos que ensinar e musealizar»

Asi mesmo, O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol a través dun comunicado acusa ao alcalde da cidade, Jose Manuel Rey Varela, «de actuar de forma ousada e irreflexiva ao soterrar sen previo aviso os restos arqueolóxicos da rúa san Francisco e lle esixe, así mesmo, que presente tanto o proxecto modificado da urbanización como a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio que avalan esta actuación»

Para Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, «a decisión de sepultar os restos atopados na Rúa San Francisco reafirma que Rey Varela actúa de forma insensata e prematura e que tras o debate plenario de onte actúa sen querer escoitar aos grupos municipais e aos colectivos da cidade interesados en poñer en valor o noso patrimonio»

Para o BNG «que o alcalde da cidade ocultara ao pleno municipal a decisión de sepultar de inmediato estes vestixios arqueolóxicos, pese a térselle preguntado por parte do Bng de maneira directa no pleno ordinario celebrado no día de onte, e ademais de facelo sen mostrar o proxecto e os informes oportunos no caso de existir, demostra o ensimismamento de Rey Varela e do partido Popular e a pouca vontade dialogante de quen non hai moito esixían a convocatoria de comisións informativas para abordar os problemas da cidade e agora pasan por riba da corporación e dos diferentes colectivos da cidade sen dar explicacións nen escoitar alternativas»

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que Ferrol «non pode deixar pasar oportunidades como esta para poñer en valor a nosa historia para así non ter que inventarse unha. Do mesmo xeito, o portavoz nacionalista sinala que debemos ver o patrimonio da cidade como unha oportunidade e non como un problema»

Para Iván Rivas «que o Alcalde desta cidade considere que a mellor solución a adoptar respecto dos restos do pasado desta cidade sexa sepultalos baixo unha capa de terra e asfalto sorprende por ousado e demostra que o PP non ten ningún interese e dar a coñecer, aproveitar e poñer en valor a historia desta cidade e de barrios como Ferrol Vello»

 

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …