Durante a primeira semana de setembro, a Asociación Gallega de Trasplantados de Médula Ósea (Asotrame) retomará o seu programa de oncoioga. Trátase dun programa de saúde dirixido a pacientes ou expacientes oncolóxicos de calquera tipo de cancro, aberto tamén aos seus familiares. A participación é gratuíta grazas ao apoio do Concello de Narón, que patrocina o proxecto. Iso si, as prazas son limitadas, polo que a asociación abre hoxe o prazo para anotarse. Hai que chamar ao teléfono 698 130 684, no que tamén se poderán consultar dúbidas sobre esta iniciativa saudable.
As clases arrancarán o día 6 de setembro, e celebraranse todos os mércores de 9.30 a 10.30 horas nas instalacións de Samsara Integral Yoga, na rúa Velázquez, 29, preto da casa consistorial naronesa. No caso de que aínda non se superase a enfermidade, cómpre o visto e prace do médico para participar na actividade, e nela os exercicios e posturas adaptaranse a cada caso.
As sesións de ioga adaptado, que impartirá a especialista Ana Freire, buscan contribuír a mellorar o estado físico das persoas participantes, axudando a que a súa musculatura non se agarrote, ao tempo que favorece o seu benestar emocional, aliviando a ansiedade. Compartir tempo con outras persoas que viviron ou están a vivir un proceso similar axuda a normalizar a situación, permitindo tamén un certo desafogo.