O recén estreado Xeoparque do Cabo Ortegal segue co seu calendario estival de rutas que nos permiten descubrir a riqueza xeolóxica, natural e patrimonial do novo territorio UNESCO.
En el concello de San Sadurniño está a denominada “Xeorruta das Pías” que nos leva primeiro ao castelo de Naraío e á fervenza de Riolimpo para logo subir até o Forgoselo. A última oportunidade de facela -na compaña de Fran Canosa- é este sábado 26 de agosto a partir das 10:00h. Hai que anotarse a través deste formulario en liña.
A Xeorruta das Pías comeza no castelo de Naraío para facer unha pequena introdución sobre as eras da Terra e os fenómenos que se produciron -e aínda se producen- nos últimos 4.500 millóns de anos. Despois desa primeira parada baixarase até a contorna da central eléctrica e a fervenza do Castro e, como última estación, subirase en coche a Racamonde, o punto máis elevado do concello, que se caracteriza por unha curiosa e espectacular paisaxe granítica.
Na primeira metade da ruta veranse as distintas fases da formación dos bolos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son buratos resultado da erosión, nuns casos polo de desbaste producido por pequenas rochas cautivas en ocos, como ocorre na zona de Riolimpo, e noutros pola acción físico-química da auga da chuvia, algo que se verá claramente nas penas do Forgoselo na segunda parte do traxecto.
A andaina é de dificultade media-baixa, apta para calquera idade e moi indicada para facela na compaña de rapazada polo seu contido didáctico. De guiala encargarase Francisco Canosa, quen ademais ofrece unha visión das orixes xeolóxicas da zona en relación con outros puntos do Xeoparque do Cabo Ortegal.
O percorrido das Pías poderá facerse na mañá deste sábado 26 de agosto, con inicio ás 10:00h e remate previsto sobre as 14:00h . A Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal habilitou na súa web unha central de reservas en liña, única maneira de gardar sitio para participar nesta actividade que está a piques de completar as 20 prazas ofertadas. O prezo, incluído seguro, son 10 euros por persoa.
Na web tamén se poden consultar as outras 15 xeorrutas que se van desenvolver até o 10 de setembro por todo o ámbito do Xeoparque Mundial da UNESCO.