Iván Rivas, portavoz do BNG no Concello de Ferrol, presentou este xoves 24 de agosto as emendas ao borrador de orzamentos municipais do goberno do PP para o ano 2023 co obxectivo de seren debatidas na sesión plenaria extraordinaria do venres co obxectivo de reorientar a política económica da cidade facéndoa máis equitativa e xusta coa veciñanza de Ferrol.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinalou que «as 35 emendas rexistradas polo BNG ao documento orzamentario procuran reorientar a política económica do concello en tres eixos»:
«Fortalecer a administración local coa incorporación de persoal ao plantel municipal no canto de contratar asesores e persoal directivo ao servizo do Alcalde e reducindo o gasto en privatizacións»
«Resolver os problemas de infraestruturas deportivas, culturais e de servizos da cidade máis urxentes aproveitando que actualmente as regras fiscais de limitación de gasto están en suspenso para así rematar coa política de austeridade que tantos prexuízos está a provocar na cidade mediante o desenvolvemento destes investimentos»
«Desenvolver unha política fiscal na que rematemos cos privilexios de empresas privadas ou entidades públicas como A. Portuaria ou Ministerio de Defensa que non contribúen a economía municipal e así rebaixar a carga tributaria sobre os veciños e veciñas da cidade tendo en conta aos colectivos máis desfavorecido»
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, lembra que «a proposta de orzamentos evidencian que para o PP a única política económica que existe é a política de austeridade económica, unha política que ten graves consecuencias para unha cidade como Ferrol. O feito de que os ingresos correntes superen en máis de 2,2 millóns de euros aos gastos demostra que en Ferrol seguimos a ingresar máis do que gastamos. Un absoluto contrasentido e un absurdo nunha cidade que precisa xustamente o contrario»
Iván Rivas considera que «o concello debería desenvolver un esforzo inversor e de contratación de persoal co fin de recuperar e prestar os servizos nunhas condicións adecuadas tal e como están a demandar os veciños desta cidade, unha cuestión que deberia facer reflexionar ao goberno local xa que continuar por esta senda é unha senda equivocada que deberiamos revertir»