Narón acolle as actividades sociodeportivas do Plan Corresponsables

O edil de Deportes do Concello de Narón, Ibán Santalla, presentou este martes 22 xunto coa delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, Pablo Prieto; e o delegado en Ferrolterra da Federación Galega de Fútbol, Abraham Yáñez, o Plan Corresponsables, impulsado pola Xunta e no que colabora o Concello naronés a través da FGF.

As actividades levaranse a cabo entre agosto e novembro deste ano en instalacións municipais.

O estadio de Río Seco e o pavillón das Lagoas acollerán a actividade sociodeportiva a través do fútbol sala que inclúe esta iniciativa, dirixida a menores de 6 a 16 anos e para a que está aberto o prazo de inscrición, de balde, a través do correo electrónico: corresponsables@futgal.com, a través do que se pode obter tamén toda a información do Plan Corresponsables.

Dende o Comité Galego de Fútbol e a Federación Galega de Fútbol explicaron que as sesións de fútbol e fútbol sala, impartidas por monitores especializados, se desenvolverán de luns a venres en horario de tarde e incidiron en que se conciben como unha iniciativa para fomentar nas familias a conciliación da vida laboral e familiar durante estes meses e, ao mesmo tempo, a igualdade mediante a práctica deportiva.

“Trátase dunha iniciativa consistente na contratación de monitores titulados para a posta en práctica de actividades lúdico-deportivas co fin de que pais e nais de fillos menores poidan conciliar a súa vida”, explicaron dende o Comité e a Federación galegas de fútbol.

Dende ambos organismos agradeceron “a colaboración e boa predisposición do Concello de Narón, así como doutros concellos que se irán sumando a este plan nos vindeiros días”.

A delegada da Xunta puxo en valor “o compromiso da Xunta coa mellora da calidade de vida a través da práctica deportiva e con propostas de conciliación que, neste caso, tamén permiten o equilibrio entre o tempo laboral, familiar e persoal” e amosou o seu convencemento de que a conciliación “é o mellor camiño para acadar a igualdade real”.

Finalmente, o concelleiro de Deportes da cidade destacou “a importancia da colaboración entre administracións, neste caso a Xunta e o Concello, e a Federación Galega de Fútbol para impulsar iniciativas deste tipo, encamiñadas a fomentar a práctica do deporte entre as nenas e nenos e, ao mesmo tempo, ofrecendo ás familias un programa de conciliación da vida familiar e laboral, moi importante na sociedade”.

Santalla incidiu na “forte aposta deste Concello por impulsar o deporte en xeral e tamén os programas de conciliación” e avanzou a disposición do goberno local que preside para colaborar en iniciativas encamiñadas nesta mesma liña.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …