Este lúns xa se pode solicitar autorización para elaborar e/ou comercializar a “Tarta de Narón”

O prazo de solicitude das autorizacións para a elaboración e comercialización da marca rexistrada “Tarta de Narón” abrirá o vindeiro luns día 21, na Sede Electrónica do Concello de Narón.

Así o avanzou a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, que informou que este prazo permanecerá aberto de xeito permanente para que tramiten esa solicitude en calquera momento aquelas persoas físicas ou xurídicas interesadas e que cumpran os requisitos establecidos.

No caso da autorización para a elaboración da tarta, é preciso facilitar, entre outros datos, a dirección do obrador, a autorización sanitaria para a elaboración e a vixencia da autorización responsable, así como unha declaración responsable do cumprimento do regulamento.

A elaboración da tarta deberá axustarse á receita cedida por Santy Otero, propietario da Pastelería Santy (Santa Icía) ao Concello de Narón. A Tarta de Narón é unha marca rexistrada polo Concello naronés e ten un intenso sabor a noces, non leva glute (apta para celíacos).

O enlace no que se poderá consultar o procedemento e tramitar a solicitude é: https://sedeelectronica.naron.es/siac/ProcedimientoTabs.aspx?tab=1&idProc=134&idnct=658&x=THGckTM/V5yZp2a3L00XmA.

No caso da autorización para a comercialización, a solicitude irá acompañada, entre outros datos, dunha dirección do punto de venda, unha autorización sanitaria para a comercialización, a vixencia da autorización sanitaria e o obradoiro elaborador da mesma. A embalaxe deste doce deberá cumprir os requisitos establecidos para a súa comercialización e os establecementos que a vendan estarán debidamente identificados.

O uso da marca “Tarta de Narón” está suxeito a un regulamento municipal e ao cumprimento dun manual corporativo na súa comercialización que se aprobou no pleno do pasado mes de maio. Neste caso, o enlace onde a partir do luns estará toda a información do procedemento e se poderá tramitar a solicitude é o seguinte: 

https://sedeelectronica.naron.es/siac/ProcedimientoTabs.aspx?tab=1&idProc=135&idnct=659&x=KaInEgCyLLOF5f1l9iUhlw.

A concelleira de Turismo destacou o feito de que a “Tarta de Narón” será “un excelente reclamo turístico desta cidade que servirá ademais como agasallo institucional e será a sobremesa típica desta cidade unha vez comece a comercializarse”, apuntou.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1204).

Lea también

O BNG levará ao Parlamento as necesidades do CEIP A Solaina de Narón

Este martes día 30 as concelleiras do BNG de Narón e os Deputados ao Parlamento …