Josemi Carmona e Jorge Prado abren en Narón a 7ª edición de Jazz de Ría

O festival arranca este venres 18 unha programación de catro días de música e mar en sete localizacións de catro concellos da Costa Ártabra, onde se abarcan todas as cores do jazz, transitando desde propostas flamencas ao dixiland de Nova Orleáns, o gypsy ou a música swing, para recuncar na diversidade de interesantes proxectos galegos que pintan o jazz con neosoul, funk ou experimentación na procura de novas sonoridades.

Cada un dos concertos desta sétima edición será unha ocasión única para gozar de momentos nos que a música, a paisaxe e o público se retroalimentan para lograr experiencias que ano tras ano van quedando na memoria de quen ten a sorte de vivilas, e van ampliando a familia deste pequeno e escollido festival que permanece fiel á súa misión de achegar o jazz ás vilas da costa ártabra e de facelo en perfecta comunión coa natureza, o patrimonio, o territorio e as persoas que o habitan.

O programa deste ano está cheo de tesouros musicais e o primeiro deles non se vai facer esperar. O Jazz de Ría empeza forte e programa para a súa apertura unha noite de jazz flamenco moi pouco habitual nos escenarios galegos.

O citado venres, ás 21:30h, subirán ao palco dous animais escénicos aos que resulta difícil ver xuntos sobe o escenario, Josemi Carmona e Jorge Pardo, aos que nesta ocasión estarán acompañados polo percusionista galego Moisés Fernández, que xa foi protagonista dunha das noites máis memorables da historia do festival no ano 2019. Josemi Carmona, guitarrista brillante e fillo do mestre Pepe Habichuela, é un absoluto punto de referencia na fusión das músicas do mundo. A súa figura en Ketama, aos que se uniu con só 14 anos, foi imprescindible, colaborando paralelamente nos discos de artistas tan relevantes como Paco de Lucía ou Alejandro Sanz.

Tras vinte anos con Ketama, iniciou a súa carreira en solitario, fusionando o flamenco co jazz, a bossa nova ou a salsa, atopando unha linguaxe única. O frautista e saxofonista Jorge Pardo é pioneiro na fusión entre o jazz e o flamenco. Tocou durante anos con grandes referentes como Paco de Lucía ou Camarón, gravando discos tan relevantes como «La Leyenda del Tiempo», co que se marcou para sempre a historia da música.

Compañeiro de xiras de Chick Corea, de Tino di Geraldo ou de Carles Benavent, non se entende sen el a fusión do jazz, e por iso foi galardoado con premios de tanto prestixio como o Premio Nacional de las Músicas Actuales outorgado polo Ministerio de Educación e Cultura (2015) ou o de Mellor Músico Europeo de Jazz por parte da Academia Francesa de Jazz (2013).

A respecto desta colaboración, a directora do festival, Aitana Cuétara explica que á hora de programar sempre procura “un equilibrio entre o jazz galego e os proxectos máis interesantes do jazz estatal, apostando polo intercambio e a colaboración con artistas e festivais doutros lugares, e o concerto de apertura desta edición é unha boa mostra”. Este concerto é aberto, accesible e de balde grazas ao apoio imprescindible do Padroado de Cultura do Concello de Narón.

O sábado 19, romaría swing

Para o sábado, o festival ten preparada unha romaría swing durante toda a xornada no Parque de Freixeiro que empezará ao mediodía cunha sesión vermú de Stompy Seven Jass Band reinterpretando os clásicos do jazz de Nova Orleáns nos anos 20. Continuará pola tarde cunha aula aberta de baile lindy hop a cargo da escola Swing On; un concerto itinerante ao máis puro estilo fanfarria ou banda gypsy a cargo de Os Bregadiers; un obradoiro de fabricación de instrumentos de percusión con material de refugallo para crianzas impartido pola Escola da Vaca; e unha sesión de .

Os Bregadiers

A romaría rematará ben entrada a noite co swing dos anos 30, 40 e 50 de St. James Swing Band e Por mí, Swing, que seguirán achegando propostas bailables de lindy hop, claquette, balboa, charleston ou collegiate shag…, estilos que que cada vez teñen máis adeptos.

Domingo 20 entre Neda e Cedeira

O domingo o festival muda de escenario. A mediodía, a Ribeira de San Nicolás, en Neda, será o maravilloso pano de fondo para o neosoul en galego da banda Udra premiada na última edición dos premios Martín Códax da Música.

Pola tarde en Cedeira, a programación comezará cun roteiro polo Sarridal que sairá do porto de Cedeira para rematar no Castelo da Concepción cos relatos musicados do espectáculo ‘Amares’ no que Rilo & Penadique recrean historias de mulleres do mar. Pola noite, no parque de San Isidro, Xosé Miguélez & Jean-Michel Pilc Quartet envolverán ao público nunha espiral de procura sonora e invención musical, na que o jazz será experimental ou non será. Peche nos balcóns do Atlántico

O luns o Jazz de Ría pechará esta sétima edición nos impresionantes escenarios naturais de Valdoviño.

A programación desta última xornada comezará pola tarde co roteiro Balcóns ao Atlántico que sairá da Praia do Baleo e que contará con dúas paradas musicais en miradoiros nos que o público poderá escoitar as propostas de Fausto Escrigas e Lorena Cachito.

O concerto de peche será ás 21:30 horas na Praia do Baleo, onde a vocalista e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher despregará a súa colorida e enérxica proposta «But Life Is Beauty Full», un concerto ecléctico e emocionante neste fin de festa que percorrerá un mundo de sonoridades e linguas diversas, como o propio festival. Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o roteiro Balcóns ao Atlántico, para o que é preciso reservar o transporte en bus ata o punto de partida; e o obradoiro da Escola da Vaca, para o que tamén será preciso inscribir ás crianzas de balde.

Nastasia Zürcher

Os roteiros de Sarridal e Balcóns ao Atlántico non están recomendados para persoas con mobilidade reducida. Por segundo ano consecutivo, o Jazz de Ría conta co apoio de Cervezas Alhambra, dentro da súa aposta pola creación de experiencias musicais únicas pensadas para disfrutar sen présa e cos cinco sentidos.

O festival tamén se alía nesta edición coas adegas Martín Códax a través da presenza nas barras dos seus espumosos Alma Atlántica. Unha costa unida polo jazz e a sostibilidade Ao longo de seis edicións, o festival logrou unha importante colaboración e un necesario diálogo entre as localidades que o acolleron, unidas polo mar, a tradición marítima e industrial, e a paisaxe natural.

A participación da veciñanza e a recuperación da memoria son tamén parte da filosofía deste festival que unha vez máis presentará un programa sostible e responsable no que eliminará ao 100% o plástico dun só uso empregando billas de auga da traída para o público e repartindo botellas reutilizables para as equipas artísticas e técnicas. Ademais, empregaranse envases retornables nas barras e reeditarase tamén a Operación Ecovaso para animar público a levar o seu propio ecovaso, reutilizando e dándolle outra vida aos que temos na casa doutros festivais.

Para as persoas que non leven o seu ecovaso, haberá nas barras vasos de cartón reciclado e 100% reciclables. Así mesmo, o festival traballa con filosofía kilómetro 0 procurando que todo o que se sirve no catering para artistas sexa de comercio local e distribuído ou/e cociñado por empresas da zona, evitando plásticos e apostando por materiais dun só uso compostables ou de cartón.

Para a xestión dos residuos, o festival ten un acordo con Ecoembes, que coloca nos recintos papeleiras de diferentes cores ben indicadas para separar correctamente o lixo. Dentro da sustentabilidade social, a organización pon especial cuidado na escolla de localizacións amables, cómodas e seguras para todo tipo de persoas en canto a accesos, volume, luz, visibilidade e mobilidade. E no ámbito da igualdade, conscientes da enorme descompensación de xénero no jazz, cada ano procúrase diversidade tanto enriba dos escenarios, como na equipa do festival, integrada na súa maioría por mulleres.

Un ano máis, o Jazz de Ría tinguirá coas cores do de jazz as vilas da Costa Ártabra co propósito de converter á comarca de Ferrolterra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz; unha referencia non só musical, se non tamén turística, desde a sostibilidade e a responsabilidade co entorno natural e social, que lle valeu en 2021 un recoñecemento extraordinario nos Premios Martín Códax da Música.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …