A autora naronesa Sara González Veiga presentará o vindeiro mércores día 16, na Biblioteca municipal de Narón o seu libro “Onde está o meu nome?”, un conto infantil cunha versión tamén en castelán.
O acto, no que a autora estará acompañada pola escritora Carolina Alejandra García Pérez, dará comezo ás 19.30 horas na sala multiusos da planta soto, tal e como avanzou a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro.
A presentación está aberta á asistencia do púbico en xeral, ata completar a capacidade da sala. “Onde está o meu nome?” é a primeira incursión da autora na literatura infantil, cunha historia a través da que quere transmitir unha serie de valores en relación coa familia, a amizade ou esforzo en lograr os nosos soños.
O libro está orientado a nenas e nenos a partir de 7 anos, para unha lectura autónoma, e tamén é recomendable para outros de menor idade, para que o escoiten da voz dos seus familiares. A autora parte dunha situación na que unha amiga súa que esperaba un bebé non tiña claro aínda que nome poñerlle. Un elefante e unha cadela son os protagonistas desta obra, na que se narra a historia da busca dese nome do bebé nunha viaxe que parte de Galicia e pasa por Mérida e Grecia antes de regresar de novo á nosa terra.
A naronesa Sara González comezou a súa faceta de escritora no CEIP Isaac Peral e no IES Saturnino Montojo, centro este último no que participou en concursos de relatos organizados dende o departamento de Lingua galega con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
A temática da violencia de xénero está moi presente nos seus dous primeiros libros para público adulto: “Escenas de una vida entre líneas” (editorial Tepublicamos, 2021) e “La intensidad del alma” (Círculo Rojo, 2022). A obra de González Veiga está inspirada nas propias historias de vida e, en gran parte, na influencia da música, polo que nos seus textos podemos atopar numerosas citas musicais. As persoas que acudan ao acto de presentación terán a oportunidade de mercar un exemplar e levalo asinado pola propia autora.