Espazos Sonoros une música e patrimonio unha experiencia que permite descubir a riqueza patrimonial, cultural e etnográfica da provincia da Coruña; Santa María do Ánxeles (Brión), San Martiño de Xuvia (Narón), San Pedro de Soandres (A Laracha), o Muncyt da Coruña ou a lonxa de Fisterra serán os privilexiados escenarios destes concertos.
O deputado de Patrimonio e Contratación, Xose Lois Penas Corral, e a directora artística do Espazos Sonoros, Belén Bermejo López, presentaron esta mañá unha nova edición do festival, unha iniciativa coa que a Deputación da Coruña busca “unir música e patrimonio cultural nunha experiencia necesaria, das que hai moi poucas neste país”, explicou Penas.
Narón, Fisterra, Ares, Brión, A Laracha, e Coruña acollerán este ano os concertos de Espazos Sonoros, que se desenvolverán entre o 2 e o 24 de setembro en espazos singulares da arquitectura relixiosa da provincia coma a igrexa de Santa María do Ánxeles (Brión), San Martiño de Xuvia (Narón), San Pedro de Soandres (A Laracha), ou civil coma o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña ou a lonxa de Fisterra.
“Espazos Sonoros non vai só de música clásica. Fala do noso país, da nosa cultura, de moitas cousas que axudan a crear territorio”, explicou o deputado de Patrimonio, que sinalou que a actividade axuda a descubrir ou valorizar “espazos patrimoniais que ás veces temos esquecidos”.
A coordinadora do certame, Belén Bermejo, destacou que Espazos Sonoros “busca a coherencia” entre a música e o lugar onde se desenvolven os concertos e detallou que a programación musical compleméntase con visitas guiadas e roteiros que axudan a interpretar a historia ou a riqueza patrimonial, etnográfica e natural destes enclaves tan especiais. Asi, por exemplo, desenvolveranse unha ruta polos muíños do río Anllóns, unha ruta marítima polas baterías de costa de Fisterra ou un obradoiro de achegamento á música antiga en Santa Catalina de Montefaro (Ares).
Segundo explicou Bermejo, o elenco de artistas inclúe a grupos e solistas consolidados do país con formacións internacionais coma Ugía Pedreira, Hulegas Ensemble, o Grupo Instrumental Siglo XXI ou Almalé. A entrada aos concertos é libre ata completar o aforo, mais é necesaria a inscrición previa para as actividades, visitas e roteiros previos aos concertos, que pode formalizarse na web http://espazossonoros.org/
PROGRAMACIÓN DE ESPAZOS SONOROS:
Sábado 2 de setembro, 19.00 h
-CONCERTO INAUGURAL-A Pedreira -Lonxa de Fisterra, Fisterra (A Coruña)
-Coñece o teu patrimonio. Ás 14.30 h, ruta marítima polas baterías de costa de Fisterra
Domingo 3 de setembro, 12.00 h
-OBRADOIRO DE ACHEGAMENTO Á MÚSICA ANTIGA Santa Catalina de Montefaro, Ares (A Coruña)
-Coñece o teu patrimonio. Ás 15.00 h, visita guiada polo espazo
Sábado 9 de setembro, 19.00 h
-Huelgas Ensemble, Santa María dos Ánxeles, Brión
Sábado 16 de setembro, 19.00 h
-Ala Aurea-Igrexa de San Martiño de Xuvia, Narón (A Coruña)
-Coñece o teu patrimonio. Ás 17.00 h, unha tarde con Hildegard
Sábado 23 de setembro, 19.00 h
Almalé- San Pedro de Soandres, A Laracha (A Coruña)
-Coñece o teu patrimonio. Ás 15.45 h,ruta de Gabenlle e muíños do río Anllóns
Domingo 24de setembro, 12.30 –CLAUSURA
-Grupo Instrumental Siglo XX e Erea Blanco Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, A Coruña
-Coñece o teu patrimonio. Ás 11.00 h, visita guiada polo museo