¡Precaución! este verán hai «moitísima velutina»

Este verán está sendo especialmente propicio para a avespa asiática. Humidade e temperaturas agradables xúntanse para ofrecerlle á especie invasora unhas condicións ambientais axeitadas para que as raíñas saquen adiante novas colonias. Por iso xa están aparecendo aquí e acolá niños secundarios do tamaño dun balón de fútbol ou incluso máis grandes dos que saen centos de obreiras comer froita e predar colmeas. Ademais, quen ande rozando montes ou silveiras debe ter moito coidado de onde mete a desbrozadora. A praga segue extendéndose e, ao parecer, con máis vigor ca nunca. A falla dunha solución total que acabe con ela, neste momento só queda a opción do trampeo -que de pouco vale-, ter moita precaución, avisar ao 012 se se detectan niños en zonas próximas a vivendas e tentar protexer as colmeas con arpas eléctricas.

A solución das arpas só é de aplicación para apantallar a parte dianteira das colmeas, lugar favorito da velutina para capturar abellas que saen recolectar alimento ou cando regresan cargadas con el. No colmear didáctico da Cortiña, xestionado pola Asociación Casa do Mel, teñen instalados estes dispositivos combinados con varias trampas líquidas que son, segundo os apicultores e apicultoras, a única maneira de reducir os estragos que ocasiona a avespa asiática.

Hai uns días, na sinatura do convenio entre o Concello de San Sadurniño e dicha entidade, o seu presidente, Manuel Ferreira, comentaba que este ano “hai moitísima velutina”, debido a unhas condicións climáticas que lle foron moi favorables: “non tivemos frío nin no inverno nin na primavera e por ese motivo temos máis avespas asiáticas e cada vez aparecen máis cedo”.

Ferreira asegura que polo momento “pouco se avanzou” nas investigacións para atopar un medio efectivo de combatelas. “Estanse probando métodos con velenos troianos de efecto retardado, que consisten en colocar recipientes coa mestura atraente de levadura aos que se lles bota un principio activo que non mata as avespas inmediatamente, senón que lles dá tempo a chegar ao niño e alimentar as larvas. Parece ser aínda que  pouco a pouco van morrendo as obreiras e tamén as crías, pero aínda non hai estudos sobre se o método funciona ou non”.

O experto comenta que nas últimas semanas apareceron en toda a nosa zona niños secundarios en altura e preto das casas. “A velutina non é máis agresiva que as avespas autóctonas. Pero sempre hai que ter moito coidado con ela. E este ano máis porque está vindo moi adiantada”.

Se se dá o caso de bater unha colonia nun punto onde poida supor unha ameaza, débese chamar ao 012, o teléfono de referencia da Xunta para a inertización dos niños, posto que agora se opta por dispararlles munición con veleno de liberación lenta no canto de retiralos do sitio.

arpa con velutinas electrocutadas

Precaución no monte e nos xardíns
Nesta época aínda hai colonias a ras de chan e ocultas en ribazos, algo que debemos ter moi presente se imos facer traballos forestais ou rozar arredor da casa. Para non levar un perigosísimo susto, o que debemos facer sempre é mirar ben o sitio onde vaiamos traballar á procura de exemplares que poidan estar movéndose pola zona.

En días de sol as velutinas son doadas de detectar observando o seu constante trafego de ida e volta, polo que cómpre perder cinco ou dez minutos de observación silenciosa e de aguzar o oído para sentilas. Iso non garante que non vaian estar aí, pero si pode ser un indicio de que o lugar posiblemente estea libre delas. É importante facer esa inspección previa en días soleados -incluso antes do día en que vaiamos facer o traballo-, dado que nas xornadas de chuvia, orballo ou neboeiro a actividade das avespas baixa considerablemente e poden pasarnos desapercibidas.

Atopémolas ou non, o fundamental é protexerse no momento de poñerse ao labor: levar buzo groso, luvas resistentes e a cara debidamente cuberta coa pantalla. Canto menos exposta estea a pel, mellor. Este consello vale tanto para as rozas que se fagan con máquina de mochila como para aquelas efectuadas con tractores, especialmente os que non teñan cabina. E, en calquera caso, é moi recomendable levar con nós un spray contra a velutina que poidamos nebulizar para poder fuxir. De igual modo, as persoas alérxicas deberán levar o medicamento que teñan receitado ante un eventual ataque.

E  que facemos se aínda con todas as precaucións acaban atacándonos? O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral -ISSGA- publicou un documento de prevención para traballos forestais que é de aplicación en calquera outra tarefa que se faga en montes ou ao pé da casa. Os consellos que se dán son os seguintes:

  • Fuxir o máis rápido posible e buscar refuxio en vehículos, edificacións, arbustos, cultivos mestos coma o millo, etc.
  • Mentres se escapa hai que procurar que as velutinas non nos ataquen en áreas sensibles da cara coma os ollos ou a parte traseira do pescozo, polo que se aconsella protexer esa zona coas mans ou a roupa.
  • Non se debe tentar eliminar as velutinas nin axitar os brazos para axotalas. Os movementos bruscos atráenas e crese que as avespas esmagadas desprenden un cheiro que atrae máis velutinas.
  • Se vemos que algunha persoa resulta atacada, non debemos achegarnos para axudar -salvo que teñamos equipamento protector específico-, senón que haberá que chamar ao 112 para que nos indiquen como actuar e para avisar os medios necesarios para que se trasladen ao lugar se fose necesario.
  • Se aparece un niño de velutina no alto dunha árbore ou en calquera outro lugar tampouco debemos achegarnos a menos de cinco metros. É fundamental non molestar as avespas con golpes ou movementos, nin moito menos tirar abaixo a árbore ou meterlle a motoserra. Cómpre avisar a todas as persoas que poidan estar traballando na zona, sinalizala e chamar ao 012 para comunicalo.

Lea también

Ares comeza co Nadal iluminando os mellores desexos da veciñanza

A concellaría de Cultura presentou un ano máis o simbólico acto que dá inicio ao …