A Casa da Mocidade, na Gándara-Narón, acollerá a fin de semana do 19 e o 20 de agosto o evento “Narón iD”, un encontro para desenvolvedores/as e a xogadores/as de todas as idades.
O concelleiro de Mocidade e Lecer, Ibán Santalla, presentou a convocatoria con Javier Deus, presidente da asociación Koffi Games, que colabora co Concello de Narón na organización. A cita contempla unha serie de ponencias a cargo de profesionais e tamén obradoiros para os que se require unha inscrición previa, de balde, cuxo prazo abrirá este mércores, a través do mail: asociacion@koffigames.com. A entrada ao evento será tamén de balde, tal e como se informou.
O sábado 19 ás 10.30 horas será a presentación do evento e a partir das 11.00 comezarán as primeiras ponencias: “Como desenvolver un videoxogo indie e non morrer no intento”, a cargo de JC Montero; “Arte 2D en tempo real: pintando para ´Facies Hermética´”, con JL Antequera e “Son e videoxogos”, de Aarón Pérez. Tras unha pausa de quince minutos, sobre as 12.45 dará comezo unha sesión de networking dirixida a público profesional sobre Dinámicas de networking.
Tamén o sábado pola mañá haberá obradoiros dende as 11.30 horas, sobre Creación de videoxogos con Bloxels, Robótica con Lego, Ciberseguridade e Contorno Office. Pola tarde, de 16.00 a 20.30 horas haberá unha feira de viodeoxogos indie para público xeral e despois unha sesión de portas abertas nas instalacións de Aldea Nova, en Sedes, onde se ofrecerá a posibilidade de pernoctar a prezo reducido aos asistentes, debendo informarse a través do mail anteriormente indicado.
Na xornada do domingo retomarase a programación ás 11.00 horas, con relatorios e clases maxistrais dirixidas a profesionais na materia, sobre “ESports e creación de contido», con Serpes Gaming; “Polo poder do márketing dixital”, de Hyliacom e tamén “Metaconsellos para montar o teu propio chiquiverso”, con Adrián Botana e “Proba e erro: aprendendo das Game Jams”, con Carlos Cortés. Pola tarde, de 16.00 a 19.30 horas haberá unha feira de retro gaming, coa asociación Retro Galaicos, para público xeral.
O presidente da asociación Koffi Games explicou que a convocatoria está pensada para persoas a partir de 6 anos e avanzou que como novidade, con respecto ao pasado ano, ábrese este ano ao público xeral, que se poderá inscribir nos obradoiros ata o xoves 17 de agosto, se ben o prazo de inscrición de profesionais rematará este domingo, día 13.
Deus incidiu en que se trata dun evento que estará caracterizado, entre outras cousas, pola posibilidade de interactuar en todo momento, “rompendo barreiras e sen medo a preguntar”. “Haberá unha zona de profesionais para xente que leva tempo adicándose a este sector ou que queira facelo e tamén se ofrecerá unha parte formativa para outras persoas que desexen coñecer esa área”, apuntou o presidente de Koffi Games. Así mesmo incidiu en que o evento non está centrado unicamente nos videoxogos, senón tamén en temas como a animación, tradución e o deseño narrativo, entre outros.
O concelleiro de Mocidade e Lecer destacou o traballo de Koffi Games, unha asociación “que xa colaborou con nós na organización do evento o pasado ano, que tivo moi boa acollida, e ao que queremos darlle continuidade nesta cidade”. Santalla animou á cidadanía en xeral a inscribirse nas actividades e tamén a acudir como público para coñecer da man de profesionais o traballo que se realiza nesta área. A través do twitter de Koffi Games pódese obter máis información sobre esta convocatoria.