Con todo a punto para dar comezo a súa sétima edición, o Jazz de Ría publica os detalles para non perder ningunha das actividades programadas arredor do seu programa de concertos que celebraranse do 18 ao 21 de agosto, e asegurar así que o público poida gozar ao máximo desta proposta única, na que a música jazz e o amor polo patrimonio natural da costa ártabra entrelázanse nunha experiencia pouco habitual que coloca a paisaxe no line-up do seu programa.
Nas súas catro primeiras edicións, o festival celebrouse en lugares singulares de Ferrol e Mugardos, como o Castelo de San Felipe, a Praza Vella, o Campo do Río do Seixo, o Cantón de Cora ou mesmo a lancha que une as dúas beiras da Ría. No 2021 trasladouse a Narón e Neda, unha nova aposta que o levou a gañar o Premio Organistrum Extraordinario nos Premios Martín Códax da Música, co que destacaron as súas boas prácticas en material laboral, de sostenibilidade e igualdade e a integración no entorno, entre outras cousas.
No 2022 o Concello de Cedeira uniuse aos Concellos de Narón e Neda, acollendo ademais a primeira produción propia do festival, a unión do trío do guitarrista galego de gypsy jazz David Regueiro co xenial violinista belga Alexandre Cavaliere.
Neste 2023 o festival expándese e chega a Valdoviño, colocando a Costa Ártabra nun lugar destacado no mapa dos festivais de jazz e conseguindo unha cita de referencia non só musical, se non tamén turística, desde a sostibilidade e a responsabilidade co entorno natural e social.
Todos os concertos e actividades do festival son de balde, pero para participar nalgunhas propostas é preciso inscribirse co obxectivo de garantir o seu desenvolvemento en condicións óptimas. En concreto, son dúas as actividades nas que a organización solicita inscrición:
-Dun lado, o obradoiro de fabricación de instrumentos de percusión con material de refugallo, dirixido a nenas e nenos de 4 a 12 anos. A partir das inscricións recibidas, faranse diferentes grupos segundo a idade. A actividade terá lugar o sábado 19 no parque Freixeiro de Narón ás 17.30 horas; Durará aproximadamente 2 horas; Na primeira hora construiranse os instrumentos e a segunda estará dedicada a ensamblar un combo de percusión para que as crianzas participantes poidan tocar cos seus novos instrumentos no festival.
O obradoiro estará dirixido pola Escola da Vaca (Ferrol), que leva 25 anos dedicada á formación musical, e que hai uns anos decidiron poñer foco na cantidade de refugallo que xeramos, e comezaron a impartir obradoiros de reciclaxe, empregando eses materiais para fabricar instrumentos como maracas, caixas, tambores, paus de choiva, pandeiros ou bongós.
A inscrición pode facerse desde hoxe mesmo na propia web do festival, o copiando este enlace:
https://facebook.us18.list-manage.com/track/click?u=c8225f1872a106950a31d85d3&id=0386d5381e&e=48e0f02c04
-O festival pechará esta sétima edición nos impresionantes escenarios naturais de Valdoviño cunha camiñada musical de participación libre, na que só será preciso inscribirse no caso de querer empregar o transporte gratuíto que facilitará a organización.
O roteiro ‘Balcóns ao Atlántico’ percorrerá a o lúns día 21 a partir das 19.00 horas o tramo de costa comprendido entre San Xiao e a Praia do Baleo con dúas paradas musicais a cargo de dous grandes valores da comarca: no miradoiro de San Xiao atoparemos ao saxofonista Fausto Escrigas; e no miradoiro do Oural estará agardando a enerxía da baterista Lorena Cachito.
O roteiro finalizará na Praia do Baleo onde sobre as 21:30 se celebrá o concerto no que a vocalista e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher despregará a súa colorida e enérxica proposta «But Life Is Beauty Full«, un concerto ecléctico e emocionante neste fin de festa que percorrerá un mundo de sonoridades e linguas diversas, como o propio festival.
Loxística para participar no roteiro
Para a veciñanza e visitantes que se poidan achegar camiñando ao punto de saída, non é preciso inscribirse. Para quen vaia desde un pouco máis lonxe, haberá un autobús que sairá desde o aparcadoiro da Praia do Baleo, onde se poderá deixar o coche estacionado ata que remate o concerto de Nastasia Zürcher.
Para usar este transporte será preciso inscribirse tamén a partir de hoxe a través do formulario da web do festival, onde tamén se atopa o localizador do punto exacto da saída do roteiro. Enlace para anotarse no transporte en bus:
https://facebook.us18.list-manage.com/track/click?u=c8225f1872a106950a31d85d3&id=057f70b525&e=48e0f02c04
PROGRAMACIÓN:
-VENRES 18 DE AGOSTO ás 21:30 no de Parque de Freixeiro – Narón: JOSEMI CARMONA & JORGE PARDO con MOISÉS FERNÁNDEZ
Josemi Carmona, guitarrista brillante e fillo do mestre Pepe Habichuela, é un absoluto punto de referencia na fusión das músicas do mundo. A súa figura en Ketama, aos que se uniu con só 14 anos, foi imprescindible, colaborando paralelamente nos discos de artistas tan relevantes como Paco de Lucía ou Alejandro Sanz. Tras vinte anos con Ketama, iniciou a súa carreira en solitario, fusionando o flamenco co jazz, a bossa nova ou a salsa, atopando unha linguaxe única.
O frautista e saxofonista Jorge Pardo é pioneiro na fusión entre o jazz e o flamenco. Tocou durante anos con grandes referentes como Paco de Lucía ou Camarón, gravando discos tan relevantes como «La Leyenda del Tiempo«, co que se marcou para sempre a historia da música. Compañeiro de xiras de Chick Corea, de Tino di Geraldo ou de Carles Benavent, non se entende sen el a fusión do jazz, e por iso foi galardoado con premios de tanto prestixio como o Premio Nacional de las Músicas Actuales outorgado polo Ministerio de Educación e Cultura (2015) ou o de Mellor Músico Europeo de Jazz por parte da Academia Francesa de Jazz (2013).
De xira continua cos seus propios proxectos, non é sinxelo ver a Josemi Carmona e Jorge Pardo actuando a dúo. Neste concerto contarán coa colaboración do percusionista galego Moisés Fernández.
-SÁBADO 19 DE AGOSTO DAS 13 ÁS 23:00 no Parque de Freixeiro – NARÓN: ROMARÍA SWING
STOMPY SEVEN JASS BAND
Esta banda está especializada no hot jass, o dixieland e o blues xurdido nos marabillosos anos 20 do século pasado en Nova Orleans. Influenciados por Louis Amstrong, Jelly Roll Morton ou King Oliver entre moitos outros, reinterpretan a música de todos estes grandes mestres desde un punto de vista propio e orixinal, mantendo ao tempo toda a esencia e homenaxeando a toda unha xeneración de xenios que deron un novo rumbo á historia da música. Mery Lafuente, Gueorgui Organesian, Fernando González, Iago Ríos, Santiago Roma, Alber Grela e Santiago González, reviven este estilo tan popular onde se misturan os ritmos do charleston, o fox trot e o swing, iniciando unha viaxe evocadora a aquela época.
AULAS ABERTAS CON SWING ON
Swing On é un proxecto que ten como obxectivo celebrar a música e a cultura jazz, o lindy hop e outros bailes asociados, sempre partindo da base de que son manifestacións culturais de orixe afroamericano nun contexto de loita racial e segregación. Crean comunidade e espazos nos que gozar do baile e da música non é incompatible cos valores de inclusividade e loita contra as desigualdades sociais.
OS BREGADIERS
Inspirados nas brass bands, fanfarrias ou bandas gypsy, Os Bregadiers son bos herdeiros destas tradicións, cunha formación itinerante de grande calidade musical e artística. Son: Óscar Prieto (tuba), Olivier Cano (saxo alto e flauta), Gueorgui Oganesian (saxo tenor), Miguelón Paz (caixa), Likal (bombo) e Antón Lago (guitarra).
ST. JAMES DIXIE BAND
Dende 2018, a banda liderada por Óscar Prieto busca dar a coñecer estilos como o dixieland, o second line e o swing. Coa axuda de Fausto Escrigas (saxo soprano) Xoán (voz), e Cabe (banjo e tuba) conseguen darlle voz ao amplo repertorio musical dos anos 20 con temas frenéticos e melancólicos que tan ben recrean a situación social daquela época. Ao longo destes anos teñen colaborado coa banda grandes referentes do jazz galego como Pablo Castaño, Virxilio da Silva, David Regueiro, Xan Campos ou Max Gómez.
POR MÍ, SWING
Trátase dunha banda especializada na música swing dos anos 30, 40 e 50, que engloba diferentes estilos, cada un co seu baile asociado, todos eles populares na primeira metade do s.XX. Falamos de lindy hop, claquette, balboa, charleston, collegiate shag…, estilos que rexurden nos anos 80 e que cada vez teñen máis adeptos. Esta banda, formada por tres voces femininas, unha voz masculina, contrabaixo, saxo, clarinete, piano, batería e guitarra, buscan co seu espectáculo que o público abandone o papel contemplativo do espectador e participe a través do baile, que é o combustible que realmente alimenta aos músicos en escena.
Cedeira 19:30h · RILO & PENADIQUE “AMARES” | Castelo da Concepción
Cedeira 21:30h · XOSÉ MIGUÉLEZ & JEAN-MICHEL PILC QUARTET | Parque S. Isidro.
UDRA
Udra é un triángulo musical formado por Maritxinha, Diego Salgado e Álvaro Trillo, un trío que condensa o coidado da razón, a honestidade do corazón e a enerxía da víscera. A banda naceu no inicio do 2020 na procura dunha sonoridade que vai do jazz ao soul e o funk. As súas composicións foron evoluíndo cos tempos, introducindo elementos do rock progresivo, a electrónica e a world music, chegando a unha linguaxe propia enmarcada no neosoul e en galego.
Udra é a terra mollada, a busca do orgánico, da orixe oculta baixo a lama. A exploración do sintético e da herdanza estática, é a precisión mecánica, o tropezo accidental coas ideas que viven e vivirán. É sensibilidade e forza, a brutal honestidade e a empatía permeable, a perfección asimétrica, a pureza dun gólem de emocións. Premio a mellor proxecto de blues, funk e soul nos Premios Martín Códax da Música 2023.
RILO & PENADIQUE ‘AMARES’
O amor pola literatura, pola palabra dita e pola música xuntaron a Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Elas narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos dende o ser. Neste caso as protagonistas son as mulleres do mar, o mar de mulleres, todo o que o mar quita, todo o que o mar deixa.
XOSÉ MIGUÉLEZ & JEAN-MICHEL PILC QUARTET
O saxofonista galego Xose Miguélez, logo da exitosa gravación «Ontology«, presenta un novo proxecto musical en cuarteto baixo o título de «Contradictio«.
Para levalo a cabo rodeouse de músicos de primeira liña interpretativa como son o pianista francés Jean-Michel Pilc e os portugueses Carlos Barretto no contrabaixo e Marcos Cavaleiro na batería. Do mesmo xeito que no seu anterior traballo, Contradictio caracterízase de xeito determinante pola procura sonora, o compromiso creativo e a invención musical. É a amplitude e a expresividade harmónica e melódica e o fluxo constante en contido e estrutura das composicións, o éxito de Contradictio.
LUNS 21 | Valdoviño:
19h · ROTEIRO: BALCÓNS AO ATLÁNTICO, coas intervencións de FAUSTO ESCRIGAS e LORENA CACHITO · Saída da Praia do Baleo
21:30h · NASTASIA ZÜRCHER · Praia do Baleo
NASTASIA ZÜRCHER
A vocalista e compositora galego-suíza consolida co seu terceiro disco a súa interesantísima carreira profesional, asentando unha pegada artística colorida, persoal, creativa e inigualable. Por isto, foi premiada como “Artista do Ano» nos Premios Martín Códax da Música 2022.
«But Life Is Beauty Full» tradúcese nun enérxico e dinámico espectáculo, un concerto ecléctico e rico en variedade de estilos e de linguas: neosoul, jazz, afro-pop-folk, R&B contemporáneo e sonoridades das músicas do mundo cantadas en galego, castelán, inglés e francés. Acompañada polo seu produtor, arranxista e man dereita Adrián Saavedra nos teclados, Nastasia Zürcher tráenos unha proposta coidada, chea de emocións e momentos corais co público.