O Padroado da Cultura de Narón asina un convenio coa Sala Verdi de Montevideo

O Padroado da Cultura de Narón e a Sala Verdi, da municipalidade de Montevideo, contan dende a pasada semana cun convenio de colaboración no que se inclúen varios acordos no ámbito da cooperación cultural. O director técnico do Padroado, Luciano Fernández, desprazouse a Montevideo para reunirse, entre outros representantes do sector cultural, con Gustavo Zidán, director da Sala Verdi.

Fernández estivo do 19 ao 24 de xullo no festival Temporales de Teatro de Chile, no que por mediación do Padroado da Cultura de Narón participou unha compañía galega, San Pitopato, con espectáculos para a infancia e público xuvenil e que representou catro funcións e catro ubicacións diferentes.

A continuación, do 24 ao 28 desprazouse a Montevideo, para asinar o citado convenio coa Sala Verdi. Na súa estancia en Montevideo o director técnico do Padroado asistiu xunto con Gustavo Zidán á presentación da décima edición do festival La Escena Vocal, dirixido por María Julia Caamaño, especializado en música lírica e organizado polo departamento de Cultura da Intendencia de Montevideo e a Sala Verdi. Fernández participou tamén no acto xunto coa directora nacional de Cultura, Mariana Wainstein; a directora de Cultura da Intendencia de Montevideo, María Inés Obaldía; e a directora de Promoción Cultural da Intendencia de Montevideo, Débora Quiring.

En virtude ao convenio o Padroado e a Sala Verdi establecerán lazos de cooperación en producións e circulación de espectáculos en Uruguai, na Sala Verdi, e tamén no Pazo da Cultura de Narón. Así mesmo, o acordo inclúe un intercambio de técnicos entre ambas entidades para que poidan incrementar a súa formación e explicar como se traballa no sector nos dous países.

Fernández indicou que o acordo “enmárcase no convenio que levamos a cabodende o Padroado da Cultura coa Red Euro-Latinoamericana de Artes Escénicas (Redelae) cos festivais de teatro».

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …