A asociación Chamorro ultima a sinalización das «21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón»

O concelleiro de Deportes do Concello de Narón, Ibán Santalla, desprazouse este luns 31 ás instalacións da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, na parroquia do Val, para ver o avance dos traballos do material de sinalización que usuarios da entidade naronesa realizan de novo este ano para as “21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón”, que se celebrará o vindeiro 30 de setembro.

Santalla estivo acompañado na visita por Pedro Caro, vogal do Club deportivo 21Leguas, a xerente de Chamorro, Rocío Coira, e o presidente e vicepresidente, Juan Manuel Victoria e José Luis González, respectivamente.

Todos eles percorreron os diferentes departamentos nos que se realizan as 500 sinais, 1.000 medallas, 500 bandeiríns e as 900 bolsas que se entregarán aos participantes nesta proba deportiva, organizada polo Concello de Narón e o Club deportivo 21 Leguas.

Na súa visita tamén se reuniron con usuarios da asociación, que o citado luns celebraban unha festa holi previa ao inicio das vacacións no centro, que pechará no mes de agosto, que lles explicaron como realizaron o traballo. Santalla felicitou á entidade polo traballo que están realizando para que todo estea listo de cara á celebración deste evento, que na súa segunda edición logrou xa acadar un destacado papel no calendario deportivo da cidade e tamén a nivel nacional.

“É un pracer un ano máis contar coa vosa colaboración e implicación neste evento tan importante para a nosa cidade e que grazas a todas e todos vós será moito máis especial para este concello”, destacou o edil de Deportes.

Lea también

Venta de entradas para el partido CD Castellón-Racing Club Ferrol

Ya están a la venta las entradas para la grada visitante en el estadio Skyfi …