O BNG de Narón propón para o seu debate no pleno dúas mocións

O BNG de Narón propón para o seu debate no pleno dúas mocións. A primeira é para que os plenos sexan, por fin, gravados e por streaming e a segunda, na que o concello se comprometa a poñer sinalética nos edificios públicos e parques adaptada para persoas invidentes.

As dúas mocións veñen favorábelmente da xunta de portavoces e todo apunta a que serán aprobadas por unanimidade  no pleno “nesta nova etapa pensamos que por fin os plenos serán gravadas e emitidos en directo a partir desta moción. Pensamos que, desta maneira, queda fortalecida a democracia. Na última lexislatura Tega sendo maioría cos seus socios que tiñan votaban sistematicamente que non a esta proposta pero agora, sen maiorías absolutas todo indica que vencerá a veciñanza e a información” indica Olaia Ledo, portavoz municipal do BNG de Narón

Con respecto á moción para a retransmisión por streaming e en directo dos plenos municipais en Narón, o grupo municipal do BNG, ao abeiro do Regulamento orgánico municipal, presenta a seguinte moción para o seu debate en pleno, e a exposición de motivos é a seguinte;

«O pleno municipal é o órgano de máxima representación política da veciñanza dun concello. Está formado pola Alcaldesa (no caso de Narón) e o conxunto de concelleiros elixidos pola veciñanza mediante votación»

«A través dos plenos municipais, representamos ao pobo de Narón e o que defendemos, falamos, aprobamos ou non en nome das veciñas e veciños; que esta información chegue ao maior número de persoas ou facilitar que poidan acceder ao que alí se di é un exercicio democrático. Por todo isto, a lei obriga a que os plenos municipais sexan públicos»

«O propio regulamento do Concello de Narón, no seu artigo 6, garante á veciñanza o dereito á información e ata o momento é algo que tan só se fai publicando as actas escritas na páxina web ou en directo de xeito presencial na bancada do salón de plenos no transcurso dos mesmos»

Artigo 6. Dereito á información
«O Concello de Narón garántelles aos cidadáns do municipio o seu dereito á información sobre a xestión das competencias e servizos municipais de acordo coas disposicións legais e a presente normativa, cos únicos límites previstos na lexislación aplicable»

«O concello informará aos cidadáns da súa xestión a través dos medios de comunicación social, e mediante a edición de publicacións, folletos e bandos; a colocación de carteis, valos publicitarios, taboleiros de anuncios e paneis informativos; proxección de vídeos, organización de actos informativos e cantos outros medios se consideren necesarios. Ao mesmo tempo poderá recoller a opinión dos cidadáns e entidades a través de campañas de información, debates, asembleas, xuntanzas, consultas, enquisas e sondaxes de opinión»

«Este artigo 6 complétase con outros no que se prima a importancia de informar e participar usando medios telemáticos ou outros que acheguen a información de interese aos veciños»

«Estamos vivindo desde hai décadas a evolución ao mundo das tecnoloxías, por iso hai xa moitos Concellos que desde hai anos retransmiten os seus plenos por streaming, vía internet, co obxetivo de facilitar o acceso á información pública e dotar dunha maior transparencia as sesións»

«O propio concello de Narón así o fai noutras actividades. Por iso, se os plenos son públicos, non pode ser que na octava cidade galega, só poidan acceder a eles en directo as veciñas e veciños se é presencialmente na bancada do público porque é excluír a persoas que por diversas causas non poidan achegarse até o concello. Poder facer streaming dos plenos é necesario e aporta democracia, modernidade e un exemplo de que Narón aposta polo futuro»

Por todo isto o Grupo Municipal do BNG propón os seguinte ACORDOS:

1.- Instar ao goberno municipal a retransmitir en directo vía streaming a totalidade dos plenos muncipais para promover o seu carácter público.
2.- Subir á plataforma youtube as sesións plenarias gravadas tal e como se fai con outras actividades municipais, e colgar o enlace na web municipal.

Con respecto á sinalización inclusiva para persoas invidentes nos edificios públicos, Olaia Ledo Díaz, concelleira do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Narón, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte MOCIÓN para o seu debate en pleno

A exposición de motivos radica en que «as políticas teñen que ser coherentes e realizarse desde o principio de accesibilidade que permita que as vilas e cidades sexan habitábeis non só para unha parte se non pensada para un “todo” xa que, ademais, ningunha persoa temos garantida para sempre a integridade total das óptimas condicións físicas, psíquicas e sensoriais. Por todo isto é necesario aplicar o principio dunha cidade para todos»

«Cando falamos de sinalización inclusiva, falamos de que estea adaptada aos usuarios con discapacidade ao respecto da audición, visión, movemento ou outras habilidades cognitivas. Na actualidade houbo avances, aínda que falta para que estea en todos os edificios públicos, coa sinalética para persoas do espectro autista no noso concello. Debemos seguir a avanzar, como noutras administracións, para adaptalo a todas as persoas con diversidade funcional»

«O Braille, é o sistema que se usa para lectura das persoas invidentes e, na actualidade a súa colocación en edificios públicos está cada vez máis estendido»

«Narón, pode e debe dar exemplo para ser un concello máis accesíbel para toda a cadadanía e colocar letreiros no sistema universal Braille en edificios públicos e tamén na propia casa consitorial. Para isto, e para facelo da maneira máis inclusiva a mellor opción son placas que inclúan este sistema, un código QR descargábel e tamén pictogramas adaptados a persoas que estean dentro do espectro autista»

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG somete a debate e aprobación polo Pleno do Concello de Narón esta moción, propondo a adopción dos seguintes ACORDOS

1.- Colocación de sinalización en Braille nos edificios públicos e instalacións municipais.
2.- Continuar a sinalización pictográfica no concello incluíndo a casa consistorial e parques e xardíns

Lea también

Curso de Manexo de móbiles intelixentes en Narón dirixido a maiores de 60 anos

O Concello de Narón abriu o prazo de inscrición en Conéctate á era dixital, unha …