Pontedeume e o Día de Galicia imaxinado por Castelao

José Fonte Sardiña

En 1920 a Asemblea das Irmandades da Fala acordou celebrar o Día Nacional de Galicia o 25 de xullo de cada ano. Co gallo desta festa, publicaron, no número do 25 de xullo de 1922, na revista “A Nosa Terra” o manifesto do seu idearium no que se definía esta data como “un día de recollimento, de comunión, de ledicia para os galegos, un acto esterno para que moitos dos nosos compatriotas se dean conta do que son, da terra nai, á que teñen que volver si queren ser algo. Desta maneira despertarán do seu sono e traballarán n-un futuro glorioso. Que hoxe todos poñan o seu pensamento en Galicia, falen a súa propia fala, e recen os versos dos nosos poetas!”.

Nun decreto de 1 de xaneiro de 1979, a Xunta de Galicia, presidida por Antonio Rosón Pérez, antes da aprobación do Estatuto de Autonomía, declarou de xeito oficial a celebración do Día Nacional de Galicia o 25 de xullo, festa do apóstolo Santiago, de cada ano (Exemplar de “A Nosa Terra”, do 25 de xullo de 1922, e imaxe do Apóstolo na torre central da catedral de Santiago).

O 25 de xullo de 1947, Castelao, sumido na saudade e a negra sombra do exilio, iniciou en Marsella unha lúcida reflexión que deu pé ao seu discurso ‘Alba de Gloria’, pronunciado no festival do Centro Gallego de Buenos Aires un ano máis tarde e publicado primeiro en 1951 e logo na segunda edición de “Sempre en Galiza”, en 1961, como capítulo I do Libro IV, na que fala “sobor da siñificación que para nós ten o día do Apóstolo, convertido en Día de Galiza por ser a mellor afirmación do noso universalismo, pois sendo tan galega esta festividade non caben os seus motivos no estreito marco dunha soia patria. O seu carácter relixioso provén do misticismo cabaleiresco da Edade Media, francamente europeo, atlántico e oucidental; o seu carácter patriótico dimana da ofensiva oito veces secular iniciada en Galiza contra o Islam; e o seu carácter civil provén da confluencia dos camiños de Europa en Compostela e da irradiación do xenio de Galiza a través destes mesmos camiños” (Castelao: “Sempre en Galiza”, Libro IV, capítulo I, segunda edición Buenos Aires, 1961, citado pola edición de Galaxia e La Voz de Galicia, A Coruña, 2001, t. II, p. 247).

Así e todo, continúa Castelao, “a triple siñificación deste día márcase máis nidiamente nas tres formas iconográficas do Apóstolo […]. Estas tres advocacións

Códice Calixtino

do noso Señor Sant-Iago ―o pelengrín europeo, o guerreiro hispano e o patriarca galego― corresponden a tres feitos de suma trascendencia: pola virtude dos camiños que conducían a Galiza, onde os diversos pobos da cristiandade se axuntaban e chegaron a cantar un mesmo himno, fíxose posible a unidade espiritual de Europa, a única conciencia moral europea que no decorrer dos séculos se pudo rexistrar. Polos ideaes cabaleirescos da Edade Media, creados polo xenio celta e nutridos pola fe que  o sepulcro apostólico inspiraba, cerrouse Hespaña á marea sarracena e pudo salvarse a civilización oucidental. E polo desexo de proseguir o camiño de Sant-Iago alén do cabo Fisterra, venceuse o Mar tenebroso e fíxose posible o descobrimento de América. Velaí as tres sendas, os tres espritos e os tres feitos en que é doado afincar a groria deste día, un día tan grande que non hai outro que teña raíces máis fondas no sentimento popular galego, nin categoría universal máis elevada. Cicais fose posible escoller outra data máis íntima e privativa das moitas que a nosa hestoria rexistra, pero ningunha superaría o prestixio e trascendencia que o día de hoxe ten” (Idem, p. 247-249) (Santiago peregrino da Porta Santa da catedral compostelá, Santiago matamouros de Gambino hoxe retirado da súa capela na mesma catedral e Santiago en maxestade do “Códice Calixtino”).

 

Así e todo, o 25 de xullo de 1923, Castelao, na festividade do Apóstolo, publicara un debuxo na primeira páxina do diario “Galicia”, de Vigo, titulado ‘Os dous espritos’, no que o Santiago cabaleiro aparece etiquetado como “O d-eles”, referíndose aos españois que defenden esta imaxe guerreira inspirada na súa aparición a prol das tropas cristiás contra os sarracenos na batalla de Clavijo, e contrapono ao Santiago en maxestade, ao que lle chama “O Noso”, evanxelizador e defensor do espírito de concordia, inspirado no do parteluz no Pórtico da Gloria do Mestre Mateo.

No templo parroquial de Pontedeume, vila que o acolle como patrón, temos no altar maior a imaxe de Santiago patriarca, ao que Castelao consideraba “O Noso”; na entrada, ao comezo da nave do Evanxeo, un matamouros feito pola escola de Gambino moi similar ao retirado da catedral compostelá, ao que Castelao consideraba “O d-eles”; e no ático do retablo do Sagrado Corazón, tamén na nave do Evanxeo, unha talla como peregrino. Ademais, na fachada principal, está labrada a figura en relevo de Santiago dacabalo.

Como ben di Castelao na ‘Alba de Gloria’, evocando un discurso pronunciado por Otero Pedrayo en Vigo 25 de xullo de 1931, “se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa Terra e percorrela en todas direccións, asistiríamos á marabilla dunha mañán única […], por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comeza en Sant-Iago. A torre do reloxo tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar un novo día, e de seguida comeza unha muiñeira de campás repenicada nas torres do Obradoiro, que comunica tódolos campanarios da cibdade […]. Iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes de beiramar [como o da nosa igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume que tamén se une coas súas campás para repenicar esa alborada de gloria comezada pola Berenguela] até as homildes espadañas da montana. E o badaleo rítmico das campás ―de todas as campás de Galiza, en leda algarabía― semella o troupeleo dos cabalos astraes que veñen pola vouta do ceo, turrando do carro de Apolo, que trae luz ao mundo en sombras. Hoxe é día de Galiza, e así comeza!” (Idem, p. 245 e 246).

Tamén en Pontedeume nesta senlleira data ondea con orgullo a bandeira de Galicia no alto da súa torre máis emblemática, o chamado Torreón dos Andrade, cumprindo así o soño de Castelao de “ver o noso país embandeirado de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes” (Idem, p. 246) e evoca no meu corazón emocionado os fermosos versos do poema ‘Galicia’ do gran Ramón Cabanillas: “Ceo branco do luar / ceo azul do mediodía: / son dous anacos de ceo / a bandeira de Galicia. // Galicia! Nai e Señora, / sempre garimosa e forte; / preto e lexos; onte, agora, / mañán… na vida e na morte! […] // A dos seráns campesinos, / a dos brilantes orballos, / a dos queixumes dos pinos / i as risadas dos carballos […]. // Sempre Nai, sempre Señora, / con leda ou cativa sorte; / preto e lexos; onte, agora, / mañán… na vida e na morte!” (Ramón Cabanillas: ‘Galicia’, en “Da terra asoballada”, primeira edición Vilagarcía de Arousa, 1917, citado pola edición de Xerais e La Voz de Galicia, A Coruña, 2001, p. 16-18).

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …