Moeche encadeará nos próximos días varias propostas de lecer que nos levarán ata o festivo autonómico do martes 25. Así, este sábado pola mañá temos o paso da 35ª edición do Rally Cidade de Narón e pola tarde unha xeorruta por Mina Piquito, coas prazas xa completas. Durante a xornada do domingo día 23 o recinto de San Ramón acollerá a VI Feira do Gando Vacún con exposición da raza rubia, varias actividades paralelas e toda a oferta de produto propia das feiras bimensuais. Xa o lúns e máis o martes, ás festas de Santiago que se celebran en Abade.
A principal referencia, organizada polo Concello, é a VI Feira do Gando vacún de Moeche. Arrancará a primeiras horas do domingo cos postos habituais de alimentación, horta, ferramentas, roupa…engadíndolle nesta ocasión o monográfico arredor da gandaría, como mostrario do potencial da crianza de xatos, vacas e bois tanto de Moeche coma do resto de Galicia.
De feito, na nave do gando de San Ramón exhibiranse exemplares rexistrados pola ACRUGA, a asociación de criadoras e criadores responsable do libro xenealóxico da Raza Rubia Galega. En Moeche poderemos ver animais de excepción procedentes das comarcas de Ferrol, o Ortegal e a Mariña luguesa. Xatos, vacas e bois con pedigree autóctono e cunhas características morfolóxicas moi aprezadas para a produción cárnica (a rubia é raza preferente do selo Ternera Gallega).
Ademais, de 12:00 a 15:00 e de 16:00 a 18:00h, rapazada poderá poñer a proba a súa resistencia e equilibrio ao lombo dun touro mecánico instalado no recinto feiral. Pola tarde, a iso das 17:30h, a Asociación de Cans de Pastoreo de Galicia (ACAPAGAL) ofrecerá unha exhibición de pastoreo canino.
Con motivo da VI Feira do Gando Vacún de Moeche tamén se convocou un concurso fotográfico con tres categorías: Foto dunha Gandaría, Foto da vida no rural e Foto de infancia no rural. As imaxes recibidas estarán expostas na Nave do Mercado, onde serán valoradas por un xurado formado por persoas do mundo veterinario e do tecido social de Moeche. Outorgarán un único premio en cada apartado, consistente nun trofeo xunto coa imaxe ganadora imprimida en papel fotográfico e cun marco que a enxalce.
A maiores tamén hai un premio do público, que se decidirá votando pola foto preferida nunha urna situada ao pé da mostra e/ou dándolle ao «gústame» na galería publicada no Facebook do Concello de Moeche. A que sume máis papeletas e likes levará como agasallo unha copia en papel de alta calidade.
A entrega de premios celebrarase ao sábado seguinte, 29 de xullo, nun pequeno acto que terá lugar no Mercado de Moeche a partir das 12:00h.
Rally e xeorruta o sábado
Hoxe mesmo Moeche será un dos puntos polos que pase a 35ª edición do Rally Cidade de Narón, puntuable para o campionato estatal de asfalto. Por este concello discorrerán os tramos cronometrados «As Barbelas – Talleres Gandoy», que saen deste núcleo de Labacengos para logo adentrarse en Cerdido e regresar de novo a Moeche por Valdixe, en Abade. Son case 15 quilómetros de percorrido que se fará en dúas veces -TC8/TC10-, a primeira a partir das 16:40h e a segunda a partir das 19:45.
A circulación cortarase ás 15:40h -unha hora antes do paso do primeiro coche- e non se volverá abrir ata que finalice a segunda e última pasada do rally, a iso das 20:45h dependendo do número de vehículos que queden en carreira.
Alén de acoller dúas pasadas por un dos tramos, Moeche terá preto outros tres percorridos: o TC1/TC3 «A Queira – Talleres Casal y Pernas», o TC2/TC4 «San Pedro – VO Ferrol» e o TC7/TC9 «As Enchousas – Autolife Neumáticos». Por esta razón, o municipio seguramente vexa incrementado o tráfico polas pistas interiores durante a xornada do sábado. Neste sentido, desde o Concello pregan a máxima precaución nos desprazamentos, conducindo con coidado e sen exceder os límites de velocidade. Unha petición que se lanza tanto para a veciñanza como para as persoas que empreguen as estradas municipais para moverse entre tramos.
Na programación de actividades hai que mencionar tamén a xeorruta por Mina Piquito, que se desenvolverá hoxe sábado pola mañá encadrada no calendario estival do Xeoparque do Cabo Ortegal. Esta primeira visita da temporada á antiga mina de cobre ten xa cubertas todas as súas prazas. A seguinte oportunidade de entrar nela na compaña do doutor en Xeoloxía Fran Canosa será o xoves 27, aínda que cómpre non demorarse moito na reserva, dado que no momento de redactar esta información só quedaban dous sitios para o percorrido das 18:40h.
Santiago en Abade
A última referencia de axenda desta longa fin de semana -para quen faga ponte- lévanos ata Abade o luns 24 e o martes 25. Alí celebran as festas do Santiago. O primeiro día actuará na sesión vermú -despois da misa das 13:30h- o Dúo D’Vicio, quen repetirá pola noite na verbena acompañando ao grupo de Tania Veiras.
O martes do día de Galicia volverá haber misa seguida dunha sesión vermú longa na compaña do Grupo de baile tradicional Alentía e o Trío CQC. A formación tradicional cariñesa está financiada pola rede cultural Dinamiz-artj, solicitada polo Concello de Moeche dentro dos Convenios da Transición Xusta.