Un total de 26 galegos, tomarán parte esta fin de semana no Campionato de España Sub20 que terá lugar na cidade de Soria.
Entre a relación de participantes estarán as internacionais e subcampioas de España de pista cuberta Xiana Lago do Ría Ferrol quen tomará parte en peso e disco e Lucía Sánchez del Valle da Atlética Lucense, a quen veremos participar sobre as probas combinadas.
Desa mesma cita invernal desenvolta en Sabadell o pasado mes de marzo, tamén estarán as medallistas nacionais Isabel Caeiro da Gimnástica participando nos 3.000 obstáculos na que é favorita; Fernando Vallines do Maderas Barcia Lourenza Cervo tomando parte no concurso de peso, e a lucense Emma Sihuang a quen poderemos ver loitando por unha das medallas sobre o concurso de altura.
Outro dos focos de atención do campionato estará no círculo de martelo, ca presenza da internacional Blanca Pereira do Ourense Atletismo como favorita ao titulo de España. De igual modo, Pedro Vázquez do Real Club Celta aparece nas apostas para o título nos 3.000 m. na que o máximo metal estará moi disputado. Por último, moita atención nas combinadas nas que Xoel Otero do Mazí, acredita a segunda mellor marca dos participantes.
Co obxectivo de achegarse ao extraordinario balance de trece metais colleitados o ano pasado polas nosas e nosos atletas neste mesmo campionato, David Vicente intentará continuar ca súa excelente tempada que o levan ata os postos top dos 110 valos, sen perder de vista nin a Alba Cuns no foso de triplo nin a plusmarquista galega dos 100 m. Ainhoa Repáraz. Carlota Salgado do A.F. Celta pola súa banda, será outra das atletas con serias posibilidades de estar nos postos importantes nas combinadas.
A maiores estarán loitando a tenor das marcas acreditadas, polos postos importantes das súas probas Martín Barcia do Celta nos 100 m.; Nicolás Ortega do Atletismo Sada en disco e Hugo Fernández do Ourense Atletismo en martelo.