A sétima edición do festival, que se celebrará en diferentes espazos únicos e extraordinarios de Santiago de Compostela entre o 14 e o 17 de setembro, reunirá a artistas de todo o mundo proclamándose como un dos festivais de refencia en Europa pola súa programación arriscada e de vangarda.
Unha das actuacións para destacar é a de Midori Takada: Japan on Film. Trátase da estrea mundial do novo espectáculo da compositora xaponesa de 71 anos e unha lenda para o público afeccionado da música ambient, que conta co apoio da Fundación Japón de España e do British Film Institute (BFI), do Reino Unido.
Outro dos momentos destacados desta edición serán, sen dúbida, as sesións de electrónica de baile a cargo de dous pesos pesados: Le Gamble (DJ set) e DjRUM. Meticulosos e impresionistas, as súas viaxes sonoras son navegables territorios onde conflúen o dubstep, o jungle, breaks, o hip-hop e o techno.
Loraine James (AV/AV) tampouco podía faltar nesta edición. Se o pasado foi o ano da súa consagración, en 2023 a produtora londinense mantén o pulso coa súa música-alegación en pos dun ecosistema sonoro aberto e inclusivo. Cun set minimalista, no festival veremos o seu novo espectáculo audiovisual: apenas días despois, estrea disco no selo de Steve Goodman aka Kode9, Hyperdub, onde comparte casa con Burial, Jessie Lanza ou aya.
A escena musical europea de hoxe sería menos interesante sen o selo danés Posh Isolation, do que Loke Rahbek aka Croatian Amor é o seu mellor embaixador. Disruptivo, por intres melancólico, sempre conmovedor, Croatian Amor presentará novo traballo, A Part Of You Is Everything (2023). Xunto a Rahbek, alguén que tamén sabe de paisaxes evocadoras é a francesa Barbara Braccini, máis coñecida como Malibu. Ninguén mellor ca ela para un set de vogais híper dimensionados e texturas etéreas.
Santiago de Compostela será tamén a cidade onde se estree, por primeira vez en España, un concerto comisariado por Berlin Atonal. Shackleton & Zimpel con Siddartha Belmannu e Pedro Maia presentarán In The Cell Of Dreams. O dúo formado por Sam Shackleton e Waclaw Zimpel únese a un dos maiores talentos vocais emerxentes da música carnática india, Siddhartha Belmannu para un concerto audiovisual xunto a Pedro Maia.
Tamén hai espazo para o descubrimento. A produtora e Dj filipino-australiana CORIN desvelará neste novo live A/V show o disco que acaba de lanzar, Lux Aeterna (UIQ, 2023), inspirado en, nada menos, o compositor György Ligeti. Rizhomes é o espectáculo audiovisual que estrearán en España dentro do WOS 2023 dous dos nomes máis prometedores da escena avanzada actual, Aho Ssan, recente Prix Ars Electronica 2023 Dixital Musics & Sound Art, e Sevi Iko Dømochevsky, habitual colaborador de Grimes, Arca ou Holly Herndon, entre outros.
Puce Mary, Lamin Fofana (SCI-FI & FANTASY, NTS Radio), e Slikback & Weirdcore, presentando VOID, curado por Unsound, comisionado por Rewire, donaufestival e Unsound, son outros dos artistas anunciados. Representando á escena local, estarán Akazie e JUAIT.
Como novidade, en 2023 o festival estrea en exclusiva para a súa sétima edición un novo espazo, Fundación Laboral da Construción, cuxas naves acollerán a programación de noite na xornada do sábado 16 de setembro.
Os abonos de 4 días (Long-Weekend) e os de 3 días (Weekend), xa están á venda a través de wosfestival.es
WOS Festival x SON Estrella Galicia é un evento anual con sede en Santiago de Compostela dedicado a promover e fomentar a música e a cultura vangarda con concertos e actividades en diferentes espazos de alto valor patrimonial da cidade. O festival recibiu ao longo dos anos varios recoñecementos que indoors a e Europa. Máis información en wosfestival.es
Este encontro multidisciplinar é unha iniciativa da produtora compostelá WORK ON SUNDAY, que conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais do apoio doutras institucións como Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e da Agadic, Concello de Santiago de Compostela, Deputación provincial da Coruña e Fundación Japón.