O alcalde de Ferrol e presidente da Asociación Costa Noroeste, José Manuel Rey Varela, clausurou a Mesa de Debate “O sector turístico: oportunidades e perspectivas”, que durante toda a mañá desenvolveuse no castelo de San Felipe e que estivo organizada pola Asociación Costa Noroeste. Responsables de organismos e entidades públicas vinculadas con esta actividade, empresarios, técnicos de emprego e investigadores universitarios participaron nun encontro que reuniu a arredor de 60 especialistas na materia.
Mesa redonda e presencia da xerente de Turgalicia
A xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, participou na mesa redonda da xornada O sector turístico, oportunidades e perspectivas, que tivo por obxectivo analizar a evolución do sector turístico na zona e na comunidade a través de diferentes puntos de vista. A mesa, que estivo moderada polo presidente do Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago, Xosé Manuel Santos Solla, contou na primeira parte da mesma coa intervención de Vicente Díaz, da Asociación para o Desenvolvemento do Turismo de Ortegal; de María Luisa Barro, da Asociación de Empresarios de Hostelería de Ferrol e comarca; e de Marisa López Morales, a xerente da Empresa Mixta de Turismo do Concello de Ferrol.
Na segunda parte do encontro interviñeron Catalina González Bea, do Padroado de Turismo Rías Baixas; Alejandra Seara, do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra; Carlos Rodríguez Carro, da Escola Universitaria de Turismo da Coruña e mais Carmen Pita Urgoiti, a xerente de Turgalicia.
A directora-xerente de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo pronunciou un relatorio sobre as especificidades do turismo rural en Galicia e a política turística da Administración Autonómica. Na súa intervención abordou a situación lexislativa do turismo rural galego destacando que a Administración Turística está a traballar nun novo decreto que regularice os establecementos de turismo rural, acorde coa vixente Lei de Turismo.
A respecto da oferta de turismo rural en Galicia, a xerente de Turgalicia destacou a importancia de que fora integrada, adaptada á contorna, sostible e de calidade. Ademais engadiu que a oferta debe de conseguir ser integral, englobando diferentes actividades como o aloxamento, a restauración, os servizos de información ou as actividades de lecer nun mesmo destino.
No tocante ao perfil do usuario do turismo rural recalcou que o cliente adoita ter entre 29 e 40 anos, procede do Estado Español, ten nivel sociocultural medio-alto e acada nos meses de verán unha estadía media de 3-4 días. Trátase dun cliente fiel que adoita repetir experiencia e está atraído fundamentalmente pola gastronomía e a tranquilidade.
Carmen Pita recalcou que dende a Administración Turística Galega incentívase a creación de produtos no medio rural así como a comercialización dos mesmos. Neste eido, a Secretaría Xeral para o Turismo implementou en 2011 unha orde de axudas para a creación de aldeas de turismo rural, a mellora de establecementos e a creación e mellora de oferta complementaria nos establecementos xa existentes.
Entre as iniciativas postas en marcha dende Turgalicia para a comercialización e promoción do turismo rural galego destaca a participación nas accións promocionais e de comercialización das asociacións do sector; o desenvolvemento de actividades complementarias como o turismo mariñeiro, ornitolóxico e micolóxico; a creación da Central de Reservas On Line, que conta coa adhesión de 315 establecementos; campañas na rede e espazos específicos na web de Turgalicia e tecnoloxías móbiles, así como a presenza en feiras especializadas do sector como a ITB; Fitur ou Intur.
O alcalde pecha o acto
No seu discurso de peche do evento, José Manuel Rey salientou a importancia que ten que “as administracións públicas e a iniciativa privada traballen de maneira conxunta en encontros como o de hoxe no castelo de San Felipe para artellar unha estratexia para a potenciación e o desenvolvemento dun sector cada vez máis importante como é o do turismo”. Así mesmo, o primeiro edil ferrolán referiuse ás iniciativas postas en marcha polo Concello neste mandato para mellorar o posicionamento da cidade como destino turístico. Neste sentido, José Manuel Rey apuntou que dende a institución municipal “estamos avanzando en crear a marca Ferrol, destacando aquello que nos fai diferentes a outros territorios e, polo tanto, atractivos”. E, ao fío, da xeración desta marca, o rexedor referiuse á posta en marcha da primeira ruta de turismo industrial da cidade: a Ruta da Construción Naval, a cal “é o motor de enganche para fornecer Ferrol como destino turístico, xa que ofrecemos un valor diferenciado ao que queremos asociar a marca Ferrol e consolidar un produto turístico propio e único”.
José Manuel Rey tamén fixo mención a outra acción levada a cabo polo goberno municipal que preside como é a transformación da empresa municipal de turismo nunha sociedade de ámbito comarcal, coa participación dunha vintena de municipios do entorno. “Ferrol e a súa comarca débese entender como un destino turístico único porque hoxe, máis que nunca, os lindes administrativos e xeográficos non teñen sentido cando falamos de persoas”.
Reflexionar sobre o sector
A xornada de hoxe no Castelo de San Felipe enmarcouse na rolda de debates previos ao Congreso de Desenvolvemento Rural que se celebrará entre o 7 e o 9 de novembro en Santiago de Compostela. Un evento que forma parte das actividades da Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia constituídos ao amparo do programa Leader 2014-2020. Tras a clausura da mesa de debate, o presidente de Costa Noroeste e os participantes fixeron un percorrido en lancha pola ría de Ferrol, durante o que disfrutaron dunha degustación de produtos da zona.