Pontón en Ferrol, “Cada escano máis do BNG é un escano menos do PP”

Ana Pontón y Néstor Rego en la Plaza de Ultramar (Ferrol)

Durante o mitin en Ferrol, a líder do BNG foi “desmontando” a Alberto Núñez Feijóo contrapoñendo o que di na campaña co que fixo en Galiza. “Cando fala da España vaciada, temos que recordarlle que aquí deixou un rural despoboado e abandonado; cando fala de que a xente moza marcha, temos que dicirlle que aquí provocou a emigración masiva de 200.000 mozos e mozas, tanto do rural como das cidades, porque as súas políticas só lles ofrecían paro ou precariedade”, argumentó.

A portavoz nacional, Ana Pontón,  aproveitou a visita de Feijóo, “que hoxe toreou no coso taurino de Pontevedra” ironizou (referíndose ó mitin de inicio de campaña que o PP celebrou o domingo 9 na praza de touros de Pontevedra) , para destacar que «en Galicia son ben coñecidas as consecuencias das políticas da dereita, por moito que na súa xira electoral o candidato do PP se empeñe en prometer xusto o contrario do que fixo neste País en doce anos de goberno»

“Aquí coñecemos moi ben que pasa cando goberna o PP de Feijóo: menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos vivenda, menos dereitos, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública, máis ataques a nosa lingua e a nosa cultura”, subliñou no mitin que protagonizou en Ferrol xunto ao candidato pola provincia da Coruña Néstor Rego. “Déixannos unha Galiza máis pequena”,  sintetizou sobre o resultado das políticas do Partido Popular.

Un Feijóo que quere gobernar coa extrema dereita machista, racista,  “e profundamente antigalega”, denunciou, lembrando o que o propio candidato popular declaraba cando era presidente da Xunta.  “Non teño intención de pactar con VOX, nunca o farei porque é un partido que está contra Galiza, dicía fai ben pouco, e aí o tendes aliado da extrema dereita antigalega, que quere acabar coas nosas institucións, que quere até prohibirnos falar a nosa lingua, pero non llo imos permitir”.

«A mellor maneira de frear a un PP de ganchete coa extrema dereita», alegou, «é encher as urnas de votos ao BNG este 23 de xullo, porque cada deputadx máis do BNG é un deputadx menos do PP; porque cada escano máis para o BNG en Galiza é un escano menos para o PP”, proclamou, deixando claro que «o Bloque vai a por todas para conseguir un grupo galego forte con deputados e deputadas polas catro provincias, un grupo que faga respectar Galiza en Madrid e lle pare os pés a esa alianza antigalega»

“Cando fala de comprometerse coas persoas maiores, dígolle que en Galiza temos as pensións máis baixas do Estado e que en catorce anos non construíu ningunha residencia pública para deixarlle as súas empresas amigas facer negocio coa vellez; cando fala da subida da luz e pon cara de escandalizado, dígolle que en Galiza o PP goberna para ás eléctricas, que se estreou abrazado ao presidente de Iberdrola e que levan 14 anos vetando a tarifa eléctrica galega”,  afondou.

“Cando fala de boa xestión, dígolle que triplicou a débeda pública, ao tempo que recortou en educación e en sanidade; e cando fala dos dereitos das mulleres, recordarlle que en Galiza financiou a Rede madre antiabortista, baixou as axudas as vítimas da violencia machista e agora branquea o negacionismo do seu amigo Abascal e de toda a caverna da extrema dereita”, denunciou. Por todo isto e moito máis, indicou, “hai que quitarlle escanos ao PP para darllos ao BNG»

O portavoz no Congreso e cabeza do BNG pola Coruña, Néstor Rego, solicitou tamén en Ferrol o voto “en chave de país, o único que defende os dereitos e os intereses galegos”. Despois de facer un balance do traballo desenvolvido nestes catro anos en que se presentaron máis de 1.500 propostas e 1.000 emendas aos orzamentos», insistiu en que “o BNG demostrou que este é o verdadeiro voto útil en Galiza e abonda comparar o exercicio de defensa do país fronte ás mans atadas dos 22 deputadas e deputados de partidos estatais que foron elixidos con votos galegos”.

Lembrou que, «cando o BNG foi determinante, conseguiu que os investimentos en Galiza chegaran aos 2 millóns de euros e desbloquear a axenda galega polo que, por primeira vez, conseguiuse, entre outras demandas, a baixada de prezos na AP-9, que pasou a ser gratuíta na volta para persoas usuarias asiduas». “Feijóo, Yolanda Díaz e Miñones veñen agora de campaña a facer valer a súa condición de galegos e galega, mais o que lles correspondería é explicar por que esqueceron a defensa de Galiza tanto no goberno como no Senado”, afirmou Rego, engadindo que, «pola contra, o BNG pode presumir de que cumpriu co que prometeu e foi a verdadeira voz de Galiza en Madrid”.

Neste sentido, animou a que «ninguén se deixe levar pola idea que queren impoñer de que ou hai que votar ao bloque de Sánchez ou ao de Feijóo porque o verdadeiro voto útil para Galiza é o do BNG… e isto non é unha opinión, son feitos”. Ademais, Rego salientou que o BNG é garantía de “políticas sociais e democráticas e o freo verdadeiro tanto para a dereita como para ultradereita”. Puxo así como exemplo «o voto no Congreso e o compromiso de impedir un goberno PP-Vox», así como «a formación dos gobernos saídos das pasadas eleccións municipais en que o BNG deixou claro que é unha garantía para facerlle fronte á dereita»

 

Lea también

El barrio ferrolano de Ultramar inicia los conciertos de Navidad

A AVV Ultramar comienza este fin de semana sus tradicionales conciertos de Navidad, en colaboración …