A Xunta leva o espectáculo «cubo» a oito concellos galegos co programa FalaRedes

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación da xira de Cubo, o espectáculo teatral da compañía Elefante Elegante que este verán estará na programación do FalaRedes, o programa de dinamización lingüística impulsado pola Xunta de Galicia.

No acto, no que estivo acompañado por Torres, encargada da dirección artística e actriz da obra, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades celebrou que unha peza que está pensada para “animar ós rapaces a saír a explorar o mundo que os rodea e facelo en galego” vaia formar parte da axenda cultural de oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística.

Espectáculo para toda a familia

Cubo é un espectáculo teatral de fantasía, humor e poesía dirixido a público infantil e familiar que evoca a amizade, as separacións, a necesidade de coñecemento e a aventura de medrar desde a igualdade, rompendo os arquetipos de xénero.

A compañía fará un primeiro pase da obra o próximo 30 de xuño no Centro Sociocultural de Santa Marta de Santiago de Compostela ás 18,00 h. Despois, continuará a xira en setembro por: Cangas (Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos) o día 1, Betanzos (en exterior aínda por establecer) o día 2, Burela (Casa da Cultura) o día 3, Lalín (Salón Teatro do Auditorio Municipal) o día 20, Ferrol (Teatro Jofre) o día 21, Noia (Teatro Coliseo Noela) o 23 e O Carballiño (Auditorio Manuel María) o día 24. As datas e as horas exactas poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia e no Portal da Lingua Galega.

Ampla programación

En total, o FalaRedes ten programados para os próximos meses 55 pases de actividades tales como espectáculos, monicreques e mesmo unha exposición para distribuír entre distintos concellos e agrupacións membros da Rede de Dinamización Lingüística.

Os obxectivos deste programa, que xa vai pola súa duodécima edición, son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos adscritos, promover o uso e valoración positiva do galego e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo nel.

Lea también

El Gobierno afirma que las futuras instalaciones de SAIC «son perfectamente compatibles» con desarrollo de eólica marina

El Gobierno asegura que las futuras instalaciones en Galicia del gigante chino SAIC «son perfectamente …