Secundino García Casal foi elixido alcalde por quinta vez, a cuarta con maioría absoluta, cos sete votos favorables das filas no BNG, mentres que PP e PSOE optaron por votar polos seus candidatos: María Belén Trigo e Juan Alberto Rivera, respectivamente.
Discurso de investidura
«Como ben cantaba o Zeca Afonso “O Povo é quem máis ordena” e o pasado 28 de maio ordenou aos servidores e servidoras públicos elexidos a estar hoxe aquí, a ser a palabra e a acción do noso pobo, para, mandar obedecendo ao mesmo»
«Deixádeme que en primeiro lugar agradeza a confianza que depositaron en min e nos compañeiros e compañeiras da lista que encabecei, as case mil persoas que nos votaron. E que tamén agradeza a todas aquelas que non o fixeron, pero exerceron o seu voto e con iso o seu dereito para decidir quen ocuparía hoxe estas cadeiras. O seu compromiso cidadán levoulles a decidirse maioritariamente por un dos tres grupos que estamos aquí representados. E é de agradecer que nos tempos actuais, nos que se percibe tan claramente esa desafección cidadá pola política, entendan que o seu voto é tan decisivo como os demais e exerzan ese dereito. Grazas ás 1.647 persoas que o entenderon así»
«E por suposto, grazas á xente da niña organización que confiou en min, ao meu equipo, o noso equipo, á militancia, sen a que unha organización política non sería capaz de facer oír a súa voz. Grazas, sen dúbida, aos compañeiros e compañeiras concelleiros que compartiron estes anos connosco e que xa non estarán; Lois, Amparo, Tomás e Ana»
«E grazas á miña familia, por entender e soportar as miñas ausencias, porque se alguén coñece a dureza e as consecuencias de ser servidor público e ter a responsabilidade de gobernar un pobo, é a familia. Oen os eloxios pero tamén as críticas, e a quen lle vai a afectar máis a crítica que a unha nai, a unha compañeira, a un fillo ou a uns irmaos? Grazas por comprender as miñas ausencias, grazas por desculpalas e por apoiarme e por ser o meu refuxio cada vez que o necesitei». «Grazas.»
«Quero felicitar tamén a todos os concelleiros e concelleiras desta corporación que hoxe empeza a súa nova andaina». «Estamos no mesmo equipo, o das persoas que asumimos axudar ao noso pobo desde a política local. Déronnos un mandato claro: falar, dialogar e poñer o futuro da xente por diante do noso, porque ninguén nos obriga a estar en política, e así debe ser entendida».
«Estou convencido que ese é o mandato que cada un dos e das que hoxe nos sentamos aquí asumimos e tamén que imos demostrar que é posible superar as diferenzas, se ao outro lado da balanza está o noso deber e servizo á cidadanía». «Asumamos que vimos aquí, non a recoñecer a realidade, senón a cambiala se así podemos mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, porque, como decía Silvio Rodríguez, “eu prefiro falar do imposible porque do posible fálase demasiado”»
«Que teña claro a veciñanza de San Sadurniño que o meu pacto con eles non abarca unicamente traballar polo posible. O meu esforzo maior estará en traballar por facer posible o que é necesario. Non haberá tempo mal investido se no obxectivo marcado dese traballo está a prosperidade e o futuro de San Sadurniño. Todos e todas os que aquí estamos queremos mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas e para iso é necesario reivindicar a política como a posibilidade que nos ofrece o pobo para mellorala e non para a confrontación ou a disputa»
«Asumindo a alcaldía, tamén asumo que son o último dos nosos concidadáns. Que a todos e cada un deles débolles o meu traballo incansable, o meu compromiso, a miña comprensión e a miña disposición ao seu servizo. Comprométome ante eles e elas a non renderme ao cansazo.»
«E comprométome a ser a súa voz e a escoitar a súa. Esa foi e seguirá sendo unha das claves do mandato que hoxe empezamos. A voz da cidadanía, a participación cidadá. Que non remata onde empeza o noso traballo, senón que implica que o noso traballo debe ir dirixido a garantila. O goberno é do pobo, nós debemos ser os facilitadores, garantindo sempre a xustiza social, a igualdade e a cohesión, é dicir, a calidade democrática, a democracia real que transforma a sociedade. E para iso seguiremos desenvolvendo instrumentos que deron pé a que sexamos referentes pola implicación social e construción colectiva»
«Outra das claves, e relacionada coa anterior, seguirá sendo a planificación. As políticas públicas non poden ser cuestións a decidir en base a ocorrencias, boas ou malas, dos servidores públicos»
«A defensa dos servizos públicos seguirá sendo tamén un dos nosos eixos permanentes de traballo. Os servizos públicos en cuestións básicas para a cidadanía, relacionadas cos seus dereitos sociais, económicos e culturais, son a clave para corrixir desigualdades e garantir a xustiza social. Sen uns servizos públicos universais, eficaces, participados e de calidade, non é posible garantir que as políticas públicas cumpran a súa función de prover o benestar social e xustiza á cidadanía»
«O Concello debe ser un axente dinamizador económico, e por suposto, tamén social. En condicións de sustentabilidade ambiental, social e económica porque os nosos sectores produtivos teñen que ser tamén a garantía de xeracións futuras»
«As portas do meu despacho estiveron sempre abertas e, sobre todo, para cada veciño ou veciña que tivese un problema, estivera nas miñas mans ou non resolvelo. Ou polo menos tenteino, porque creo que ese é o mandato preciso que me deu o pobo ao permitirme estar ao seu servizo. Porque xa o dixen hai catro anos, non hai maior honra que permitir que un veciño sexa alcalde da súa vila. A relación que se me permite ter con cada veciño ou veciña é a maior satisfacción á que pode acceder alguén que cre firmemente na política como ferramenta para transformar e mellorar a sociedade»
«Ás veces xera a confianza de ter feito un bo traballo e reconforta, porque lles solucionas os problemas. Outras veces xérache momentos difíciles e mesmo dolorosos nos que non podes dar resposta e percibes decepción, ou mesmo sufrimento. Entendo que non o comprenda, e asumo a súa decepción como propia»
«Sempre me vin como unha persoa próxima e faladora. Pero se nalgún momento non fun quen de transmitir esa confianza e vontade, asumo a miña responsabilidade por esa percepción e comprométome a esforzarme aínda máis en comprender e ser comprendido. A base da nosa relación co público debe ser a confianza. Se eu, como alcalde, non o consigo, entendo que debo redobrar os meus esforzos para conseguilo. É a miña responsabilidade e está asociada ás miñas funcións e ao meu compromiso»