Ferreiro asina un convenio coa AECC para declarar a Costa Ártabra “Espazo sen fume”

 
A alcaldesa en funcións da cidade de Narón, Marián Ferreiro, asinou este xoves 15 un convenio de colaboración no proxecto “Espazos sen fume” con representantes na zona da Asociación Española contra o Cancro, presidida por Manuel Luis Aguilar.
 
No acto celebrado no concello estivo tamén presente o concelleiro en funcións de Sanidade, Manuel Ramos. En base a este acordo a Costa Ártabra, un espazo natural que percorre superficie de Narón, Valdoviño e Ferrol, formará parte dos Espazos libres de fume, coa finalidade de mellorar a calidade de vida relativa á saúde de toda a comunidade e aumentar a calidade ambiental da nosa contorna, tal e como se recolle no convenio.
 
Os espazos libres de fume melloran a saúde do conxunto de fumadores activos e pasivos, polo que esta medida incrementará a nosa calidade de vida. O acordo asinado hoxe non conleva contraprestación económica para as partes, tendo como obxectivo principal difundir hábitos de vida saudables.
 
Por este motivo, o Concello naronés colaborará na difusión da campaña de prevención da Asociación Española contra o Cancro para visibilizar a condición de Espazos sen fume dos establecementos ou instalacións públicas. Pola súa banda, a AECC comprométese a facilitar recursos e ferramentas destinadas a sinalizar que as instalacións citadas son Espazos sen fume, así como formación, divulgación de prevención do tabaquismo, entre outros.
 
Ferreiro e Ramos conversaron cos representantes da Asociación Española contra o Cancro, da que destacaron o labor de todas as persoas que a integran e colaboran, “co fin de axudar ás persoas afectadas por esta enfermidade e ás súas familias e tamén ao resto da sociedade en xeral en materia de concienciación e prevención”.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …