Os gañadores das IV Olimpiadas de Seguridade Viaria de Narón visitan o CIS

Escolares de quinto de primaria dos colexios Ponte de Xuvia, Piñeiros e Virxe do Mar visitaron as instalacións do CIS Tecnoloxía e Deseño, unha iniciativa que forma parte do premio que acadaron na cuarta edición das Olimpiadas de Seguridade Viaria do Concello de Narón, organizadas dende o equipo de Educación Viaria.

O concelleiro en funcións de Seguridade Cidadá, Román Romero, asegurou que, tal e como trasladaron dende os propios centros, “a iniciativa foi un éxito rotundo, tanto entre o profesorado como entre o alumnado, polo que estamos moi satisfeitos e tamén agradecidos ao CIS por ofrecernos esta oportunidade”.

Ao longo da mañá do mércores 13 os escolares gozaron da ciencia e da tecnoloxía no transcurso da visita, que comezou cun show científico a cargo de David Ballesteros, titulado “Ciencia ou maxia” e que consistiu en presentar aos menores un conxunto de experiencias sorprendentes que ata ser explicadas parecen máxicas.

Os segredos do lume, fenómenos eléctricos, a importancia da xenética… foron algúns dos temas abordados co profesional. A continuación o alumnado asistiu a dúas actividades: un xogo de pistas no contorno do CIS Tecnoloxía e Deseño para superar retos de carácter científico e outra actividade na que probaron aplicacións, dispositivos e simuladores virtuais e de realidade aumentada desenvolvidos integramente no CIS.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …